terça-feira, 11 de setembro de 2007

X. M. Garcia Crego: Para unha recomposición do nacionalismo político


Recolhemos aqui um escrito de X.M. García Crego, redigido inmediatamente antes das passadas eleições municipais e originalmente publicado na web da FPG. Optamos por reproduzi-lo pois entendemos que é umha interessante reflexom sobre a situaçom actual: ultimamente semelha que o BNG, no seu intento quase-declarado de ser a nova Coalición Galega, nom consegue adicionar novos sectores sociais (votantes) ao seu projecto, ao tempo que vai perdendo ou desilusionando os que já tinha e alporizando a sua militância. Qual será a conclusom desta deriva, e como afectará ao mapa político da esquerda nacionalista? Cabem moitos possíveis finais: desde a efectiva transformaçom do BNG numha força centrista -e o conseguinte surgimento dumha alternativa nacionalista de esquerdas forte- até a rectificaçom do rumbo do BNG; passando por umha chea de possibilidades impredizíveis.



Escribe Rafa Villar na web da CIG sobre posibles resultados nos comicios municipais do 27 de maio de 2007.

Poden os seus comentarios ser máis ou menos asisados, e a un parécelle que a tendencia vai por onde el indica e por onde tempo atrás temos outros apuntado. Hai agora catro anos, en maio de 2003, valorando aquelas eleccións, diciamos desde a FPG que o electorado galego estaba abandoando a tutela caciquil, que as nosas xentes eran cada vez máis libres, que cada vez hai menos alcaldes, dun ou do outro signo, elixidos con maioría absoluta. A validez desta análise tivo confirmación nas eleccións xerais de 2004 e nas autonómicas de 2006.

CONTINUAR LENDO...


Escribo estas liñas no venres inmediato á data das eleccións municipais. Penso que o PP vai seguir perdendo, moi lentamente, influenza electoral; que o BNG vai gañar posicións nas vilas, especialmente naquelas situadas no litoral marítimo, e perdendo votos, por distintos motivos, en cidades como Lugo, Pontevedra, Santiago, Vigo e, especialmente, en Ferrol. O PSOE seguirá na súa fase de ascenso, a pesar da nefasta elección de candidatos como, por exemplo, Abel Caballero en Vigo.

De maneira que o BNG vainos dicir, unha vez máis, que perden votos pero gañan influenza, porque van entrar en moitos máis gobernos municipais do que era até o de agora. Pero esa tendencia, de seguir as cousas como están, vainos levar á situación que Rafa Villar apunta no seu artigo: ao reforzamento en Galicia do bipartidismo PSOE-PP.

Esta situación sería nefasta para a clase traballadora de Galicia e para Galicia como nación. O neoliberalismo domina no noso territorio, a cativa socialdemocracia do BNG non aporta solucións e o nacionalismo de esquerdas non ten representación institucional.

Apunta tamén o columnista nunha posible abstención dese sector do BNG que non acepta o posibilismo e o gubernamentalismo do seu partido: Reganosa, por exemplo; ou piruetas industrialistas para Ferrol; ou tibieza cos proxectos de Marina Atlántica en Cangas; ou política errática e dereitizante en Vigo. Vimos apuntando desde hai tempo a conveniencia de que o BNG parta en dous. E dirán algúns, claro, que vai querer este, que leva anos desexándolle o pior ao BNG? Pois ben, este que escribe vai votar ou terá votado na lista do BNG para o concello de Nigrán.

A superación do actual estado electoral de cousas non pode vir máis ca pola ampliación da oferta galeguista, ou sexa, pola aparición dunha nova forza política, nacionalista de esquerdas, socialista, capaz de integrar a todos eses galegos e galegas que van deixando as filas do BNG debido á súa deriva acomodaticia e contemporizadora co capitalismo e cos capitalistas.

Tal forza política apoiaría cos seus votos a conformación dun goberno autonómico dos ditos de progreso, pero manténdose á marxe, practicando a oposición de esquerdas que agora mesmo non existe e apoiando ou reprobando a ese goberno segundo fose o seu comportamento.

Porque hoxendía o nacionalismo “político” hexemónico é puro nacionalismo, reivindica o país, pero non fai distingos na cuestión social, practica unha prudencia excesiva co empresariado, coa igrexa, cos medios de comunicación, co Estado, e moitas persoas non acreditamos nunha tal postura. A moitos pódenos máis o social ca o estritamente enxebre, somos republicanos, como Castelao ou como Luís Soto; amamos a Galicia, pero o noso corazón está na esquerda.

Unha solución como esta que se presenta, lonxe de debilitar o nacionalismo, provocaría unha recomposición política. O que non podemos é deixar que os nosos sacrificios, esforzos e anceios vaian polo río abaixo...

.


2 comentários:

Julian's blog disse...

Dear outra esquerda:

This mermaid is very pleasant to look at...
A piece of your own artwork, perhaps?
Julian
www.ijulian.blogspot.com

Sr. J disse...

Not at all. It was drawn in the 1930's (I think) by the artist and politician Castelao as a new design for the coat of arms of Galiza. It was an alternative to the traditional one, which pictured christian symbols as crosses and the holy grail. After the Catholic church fought the Spanish Republic, Castelao thought that its symbols could not longer represent the Galician people. Consequently, he proposed to adopt this new coat of arms. Today the ancient coat of arms is still the official one, but Castelao's is widely used by Galician nationalism. More info here: http://agal-gz.org/modules.php?op=modload&name=My_eGallery&file=index&do=showpic&pid=90&orderby=titleA