quinta-feira, 24 de julho de 2008

Beiras, sobre os caminhos de ferro e o desenvolvimento da Galiza

.
Pór de manifesto o desmembramento territorial de Galicia como consecuencia dunhas infraestruturas do transporte deficientes. A organización ecoloxista Adega desenvolve esta fin de semana en Lugo as xornadas Estruturación do Territorio. Pola comunicación de Galiza alén das fronteiras. Por uns camiños de ferro galegos. O ex portavoz nacional do BNG e catedrático de Economía da USC, Xosé Manuel Beiras, foi onte o encargado de abrir o fogo cunha conferencia sobre as consecuencias económicas das infraestruturas de transporte no país.
.
.
.
Na semente deste ciclo de conferencias vólvese denunciar a chamada Galicia das dúas velocidades, ¿unha realidade despois de tantos anos?

Si, porque o modelo territorial de Galiza é un caos, o modelo económico capitalista ségueo a ser, é o mercado o que o segue a dominar todo e despois de anos de autonomía non hai nin sequera un modelo de ordenación territorial nin unha estratexia de condución do desenvolvemento económico para que se contrarresten as tendencias. Máis ao contrario, a dinámica económica agrava os desequilibrios entre o que chamamos o eixo atlántico e o interior. Por conseguinte, a dinámica económica en vez de solucionar os problemas, o que fai é agravar os desequilibrios que históricamente existiron entre esas dúas franxas, o que se ve en todos os aspectos da realidade galega.
.
CONTINUAR LENDO...

Desde o bipartito, fálase de inverter este modelo cara a outro baseado na innovación, a sostibilidade e o territorio. ¿Avanzouse algo?

Non hai síntomas. A innovación en si mesma non produce ningún vector de equilibrio territorial. A mellora das relacións entre territorios só ven da man dunha política específica, no eido territorial, e o único percibido é a nova maneira de organizar o solo industrial. Se miramos a rede ferroviaria galega, sobre todo a do interior, vemos que non houbo ningún cambio substantivo que supuxera unha mellora das necesidades de vertebración do país. Non existe plan para o ferrocarril interno que segue a ter a mesma estrutura fronte ás melloras na rede viaria de estradas. Hai que lembrar que en 1995, unha comisión no Parlamento galego creou un documento para a modernización da rede ferroviaria galega co obxectivo de que o Estado o tivera en conta no desenvolvemento do Plan director de infraestruturas. A Xunta de Manuel Fraga era a encargada de defendelo en Madrid pero coincidiu coa chegada ao Goberno do Estado do señor Aznar, e a Xunta non fixo nada e Fraga non fixo nada. O BNG acababa de ter representación no Congreso e volveu levar ese ditame ao Parlamento e os mesmos deputados que en Galicia o apoiaran foron os que despois o rexeitaron en Madrid. Ese plan, que comprendía ata o 2007, se se levase a cabo, hoxe a estrutura ferroviaria en Galicia sería outra.

¿Que suporá a chegada do AVE, que é do único que se fala agora en materia ferroviaria?

En primeiro lugar, a alta velocidade é para longas distancias para transporte de viaxeiros, en principio para unha clientela de alto poder adquisitivo. Polo tanto nin resolve a conexión externa para o transporte de mercadorías nin moito menos as necesidades de vertebración co interior. O AVE incluso pode dar lugar a que se pense que o problema ferroviario galego quede resolto e os trens convencionais sigan a circular a 40 quilómetros de velocidade de media. Pode converterse nunha forza para non modernizar o ferrocarril galego. Habería que remudar o sistema de conexión entre os portos, moi necesario dado o lugar que ocupa Galiza. Estamos a ver que as mercadorías van por estradas, en camións en lugar de ir por mar. Sería precisa tamén unha rede ferroviaria ben tramada para descargar o peso das estradas. Pero disto non hai nada.

A inexistencia desta rede interna choca coa dispersión poboacional de Galicia...

Estou farto de que se vexa a dispersión poboacional como algo negativo. A fisionomía de Galiza é máis semellante ao ámbito europeo, onde tivo lugar a revolución industrial, que á da Europa mediterránea. O problema non é a dispersión. Galiza, que no século XVIII tiña maior densidade poboacional que o resto do Estado, viuse marxinada polo poder centrípeto e hoxe perdeu densidade. O problema non é a nosa fisionomía, senón que esa se vexa ameazada pola dinámica do poder político que fixo que o interior galego fose danado ano a ano acompañado por unha inexistencia absoluta de plans para o seu desenvolvemento e o das súas comunicacións. A morte planificada do rural. Hoxe moita xente podería traballar en calquera lugar urbano vivindo fóra das cidades pero non existen corredores como os chamados de proximidades.

¿E por que non se fai?

Tería que depender dunha estratexia do poder político xa que o económico non o fai. Pero isto non se deu nunca para Galiza que segue a ser unha especie de sucursal do centro. Porque o país non é o que decide a planificación, o modelo, son outros os que o fan por nós. O nacionalismo estancouse a finais do século pasado, coma quen di, o gran motor da concepción galega para Galicia está a perder a forza que tiña antes e seguimos en mans de intereses alleos aos nosos. É certo que agora está en posición de Goberno, pero a súa é a posición non hexemónica.

O FEVE da Mariña segue a ser o mesmo que no seu nacemento, non mudou nada...

Ese é o exemplo de que a rede ferroviaria estatal é unicamente radial limitando o desenvolvemento transversal. Nos anos sesenta, a forza industrial desde Ferrol ata o País Vasco estaba comunicada por estrada fundamentalmente. Non conviña desenvolver unha liña de ferro precisamente para evitar que a relación industrial entre as comunidades cantábricas, desde Galicia ao País Vasco tivese que pasar obrigatoriamente por Madrid. O importante era evitar ese bypass que mudaría o centro de gravidade. O FEVE nin sequera tiña os enlaces con Asturias ou Cantabria. Por suposto, no plan de 1995 estaba recollido un apartado para a súa modernización. Pasaron os anos e non hai nada feito. É un problema de decisión política en dirección contraria ao que lle interesa a este país.

Crise ambiental e enerxética pero as estradas multiplícanse e o tren retrocede. ¿Por que?

Acaba de inaugurarse unha autovía Santiago-Brión. Sería moito máis proveitoso e económico unha rede de proximidades. Moita xente prefiriría o coche para seguir co costume polo que habería que puxar por un cambio cultural que debe vir apoiado polo poder político. Namentres seguimos a falar da contaminación e do cambio climático sen que se dean pasos serios para evitalo. Pero ben son as compañías contaminates as que fan os anuncios verdes.
(Tirado do Galicia Hoxe)

Um comentário:

Casdeiro disse...

Grazas por reproducir e espallar esta interesantísima entrevista. Sempre se agradece saber como ve Beiras a evolución social e política do país. Fíxenme eco no meu blog http://www.casdeiro.info/textos onde vos invito a opinar tamén. Grazas.