(Originalmente em vieiros)
"Cando entendín a idea central de 'A orixe das especies', a miña reflexión foi: que estúpido pola miña parte non ter pensado nisto! Supoño que os compañeiros de Colón pensarían algo parecido. Os feitos da variabilidade, a loita pola existencia, a adaptación ás condicións dominantes eran cousa ben coñecida. Pero ninguén de nós sospeitara que a senda cara ao cerne das especies pasaba entre deles…, até que Darwin e Wallace iluminaron as tebras".
T. X. Huxley
T. X. Huxley
A Evolución: Unha verdade crucial
Neste artigo non falaremos da sobresaínte biografía humana de Darwin, nin analizaremos polo miúdo a épica viaxe do Beagle, nin tan sequera da repercusión dos seus maxistrais estudos... Non falaremos tampouco da botella do anís que fai moca da asombrosa Lei da Evolución. Falaremos da Verdade sen disimulos.
.
A Evolución das especies é un feito indubidábel e só xentes de escasa cultura ou vendida a intereses espurios (ou que abusen do citado licor) poden negar tan tanxíbel e fermosa realidade. Probas máis que evidentes e incontrovertíbeis (aparte do monumental e exacto das achegadas por Darwin e pol@s estudos@s posteriores) témolas en cousas tan comúns coma os nosos animais e as nosas plantas doméstic@s.
.
Non hai nin 10 mil anos, as especies salvaxes -das que derivan as especias domesticadas- producían só unha pequena fracción dos produtos cós que hoxe nos colman. A la, o leite, as taxas de crecemento ou mesmo as condicións psicolóxicas ou etolóxicas chegan a límites realmente sorprendentes se as comparamos coas dos animais salvaxes.
.
O noso gando dá tanto leite que enferma se non o muximos diariamente. Algunhas das nosas plantas de cultivo foron tan seleccionadas que non se poden reproducir de seu, sen a intervención humana.
.
Deliberadamente, extinguimos as liñas menos frutíferas ou as refractarias á domesticación. Pola contra, e cunha plena consciencia, reproducimos as mansas e produtivas. O resultado é obvio: as nosas vacas son leiteiras e obedientes e as pouco produtivas ou rebeldes coceron nos nosos pucheiros antes de se reproduciren.
.
Poucos casos ilustran tan ben a Selección Artificial coma o can, que hoxe en día presenta centos de razas, cada unha seleccionada agardando un traballo, unha función ou un carácter, espectacularmente diversificados no físico e no psicolóxico.
.
A Natureza opera dun xeito similar (mellor dito: nós imitamos os procedementos naturais no noso proveito): ante un ambiente en perpetuo cambio, os máis adaptados ás condicións imperantes en cada momento reprodúcense e sobreviven: os outros decaen e extínguense
Non resulta difícil, pois, atopar fortes probas da Evolución Natural ao longo dos centos e miles de millóns de anos con fixarnos, simplemente, na potencia da Selección Artificial en tan só séculos ou milenios.
.
En canto a ambas as dúas Seleccións, teñamos en conta, moi coidadosamente, que certas forzas operan non só para a creación de novas especies, senón tamén para a extinción de outras. Lembremos que non hai ningunha selección que xogue mellor e con máis control que a Selección Natural.
.
Deberiamos saber moito máis fondamente da súa aliñación e do seu xogo, para xogar o noso fútbol máis eficaz, máis amigábel e máis fermoso. Porque puidese ser que, desgraciadamente, esteamos xogando noutro partido e perdendo na nosa propia casa.
.
Non sei quen será o noso capitán, mais sei que Darwin será por sempre o noso inspirado adestrador, fagámoslle caso ou perderemos o noso encontro máis vital e máis importante
CONTINUAR LENDO...
CONTINUAR LENDO...
A ameaza da irracionalidade
Desgraciadamente, malia ao exposto no artigo anterior e do mesmo xeito que acontece con outros aspectos da Ciencia, o cabalo de batalla do Evolucionismo non estriba nas súas evidentes obxectividade e verdade, senón nos seus detractores.
O Darwinismo forma parte da luz científica que, intermitente e brillantemente, alumea á conciencia e a intelixencia da Humanidade. Ao fulgor da súa razón fura a densa escuridade do absurdo e a irracionalidade.
Os inimigos declarados da Humanidade e da Ciencia atacan A orixe das especies coma o fan coas Leis da Relatividade. Estes axentes da máis casposa reacción son os mesmos que lles negan o máis mínimo dereito aos animais, que destrúen os hábitats de todos polo diñeiro para eles, ou que avogan pola reprodución humana descontrolada e irresponsábel.
Non deixa de estremecer ao observador preparado como algúns políticos ultraconservadores e neofeixistas cargan contra "o relativismo moral" ou defenden apaixonadamente "a liberdade dos pais para elixir a educación dos seus fillos".
Traxicamente, estes individuos (entre irresponsábeis e interesados) atacan dúas das Leis Científicas que, curiosamente, son das máis comprobábeis e comprobadas. Centos de autores atacan virulentamente, aínda hoxe, o Darwin e o Einstein. Ante a publicación do opúsculo Cen autores contra Einstein, dixo D. Albert: "Se eu non tivese razón, bastaría un só autor".
@s nen@s, por enriba de todo, teñen dereito á Verdade, a Realidade e á Responsabilidade.
Por que os ultraconservadores e outras rémoras sociais e humanas seguen cargando contra dúas das máis importantes revelacións científicas e humanas dos últimos 200 anos? Queren constrinxirnos nuns marcos con referencias fixas e inamovíbeis, propias dunha compartimentación socioeconómica concordante cos intereses traizoeiros das clases privilexiadas.
O certo é que -coma indica a Relatividade- non hai marcos de referencia privilexiados en Física. E a Física, lamentabelmente para eles, é a máis real e indiscutíbel das Ciencias.
A adaptación das especies a un entorno de mudanzas permanentes é unha das máis espectaculares consecuencias biolóxicas directas de entre as que obedecen a esa íntima realidade física do Cosmos en canto que non hai contornos pechados e fixos.Un dos máis expertos defensores do "creacionismo" (o antecedente directo do malsán e falsario "deseño intelixente") opinaba, logo dunha detida e sisuda análise da Biblia, que a Humanidade e o planeta tiñan menos de 5.000 anos de idade.
Cuestionado sobre a presenza dos fósiles dos dinosauros e ictiosauros, este creativo pope do engano e da anticiencia afirmou que "eran probas postas por deus para comprobar a nosa fe". Loxicamente, caído na pota das súas propias estupideces e incongruencias, o renxinte e caduco "creacionismo" veuno substituír, hoxe en día, o novo selo do "deseño intelixente".
Algúns dos velenosos representantes desa liña mesmo eliminan un ou varios deuses creadores para os substituír por intelixencias extraterrestres ou outros trucos de feira parecidos, destinados a unha sociedade máis tecnolóxica e informada.
Estes embusteiros profesionais usan execrábeis métodos, moi comparábeis aos propios da piara dos adiviños, tarotistas e outros desfeitos e/ou parasitos sociais. Debemos denunciar, con carraxe e contundencia, estas correntes anticientíficas que non achegan proba ningunha, só tratan de estimular falsas dúbidas, cando non caen directamente no insulto e na burla.
As crenzas irracionais só perpetúan os peores aspectos das sociedades: a escravitude, a fame, a ignorancia, o medo, a intolerancia. Tod@s @s nos@s nen@as teñen dereito á Luz da Ciencia, a única forza capaz de guialos nos tempos vindeiros nun proxecto común.
Todas as opcións políticas do Progreso deben comprometerse moito máis fondamente con esa realidade científica ou caeremos nunha nova Idade Media da alienación no Pensamento e da fin da Razón.
A tolerancia da Razón
Neste aspecto, o propio Darwin tamén deu exemplo vital de excepcionais tolerancia, apertura, outura no debate e modestia sincera. Non só a súa aguda intelixencia sempre se pregou aos feitos e ás observacións, senón que sempre o fixo respectuosamente, sen espírito de polemizar ou molestar no campo persoal ou relixioso.
Ogallá tod@s tivésemos esa presenza de ánimo e ese comportamento. Ogallá moitos d@s nos@s fill@s queiran ser coma Darwin, na procura das máis emocionantes aventuras: aquelas que nos levan cara ao Coñecemento e á Razón, ao Conservacionismo e ao Progreso Social.
Pensando en Darwin penso, tamén, en min mesmo. E tento resumir as implicacións da Evolución respecto aos seus patéticos e furibundos detractores dende o campo da irracionalidade. "Non sei se hai deus… mais sei de fixo que hai Ciencia e que funciona" escribo mentres penso que o diría o mestre Darwin.
Eu son máis militante do ateísmo científico porque penso que a espera é involución. Chegaron novos tempos para as vellas e fermosas verdades. Pero con todo, lembremos que D. Charles, se en algo era máis grande que na súa condición de erudito e científico, érao na súa fonda condición humana e traballadora. Tomemos ese exemplo tan valioso e tan valoroso.
A Coevolución ou o Novo Darwinismo
Hoxe en día, á luz dos novos instrumentos, das novas observacións, das novas ecuacións…, científic@s, divulgadores e estudos@s da Bioloxía e doutras pólas da Ciencia, xa falamos dun concepto máis interactivo das relacións entre a Fauna, a Flora e os Hábitats.
Este concepto de Coevolución é moito máis complexo nas súas diversas escalas do que Darwin, cativo no seu tempo, no século XIX podía imaxinar. Pero foi el quen nos abriu a Tod@s as portas e as fiestras e quen deu pulo ás nosas ás arelantes de voar por vez primeira.
Un claro e espectacular exemplo da Coevolución é a nosa atmosfera actual, que logo de 3.000 millóns de anos de actividade biolóxica mudou de redutora (maiormente formada por hidróxeno) a unha de tipo oxidante (con elevadas doses de osíxeno).
Sen este longo labor de transformación atmosférica por parte de centos e centos de millóns de xeracións de plantas verdes, os complexos organismos que hoxe abondan, incluídos os humanos, non poderiamos ter un metabolismo tan eficiente… de feito, non existiriamos seres tan complexos coma os que hoxe compartimos este planeta pleno de emocións e de vontades evolutivas.
Moitos poden pensar que é moi triste imaxinarse a un mesmo coma un mero conxunto de átomos. Pero a nosa viaxe de 15 millóns de anos, dende a materia inerte até a vontade que caracteriza a Vida, coido é moito máis emocionante, laboriosa, ardua e modesta que unha creación absurda e improbábel.
Algúns "autores" aínda seguen na desafortunada expresión de "o home descende do mono". Estas trivializacións tan só amosan a escasa catadura científica e cultural destes reaccionarios. "O home e outros grandes simios actuais temos un ancestral común": esa é unha realidade correcta e ben definida como pode testemuñar calquera persoa que cruce a súa ollada coa dun orangután.
A orixe das especies é unha obra rigorosa e inspirada, poderosa e ponderada. Destaca pola sistemática ben referenciada, pola excelente dinámica observacional e pola constante evolución nas súas diversas reedicións e revisións, cada vez máis completas e importantes. A orixe das especies é un dos máis fermosos exemplos dunha obra asociada a unha vida, a un autor.
.
Nenhum comentário:
Postar um comentário