quinta-feira, 21 de junho de 2007

Beiras: Declaración de Láncara

[]
[Fermoso este recente, pero já clássico, discurso de Beiras. Especialmente o decálogo de valores que reivindica]
.
Amigas e amigos de meu e do meu corazón:

¿Quén son eu en realidade? ¿E qué son ou levo sido? ¿Político, inteleitual, escritor, músico? ¿Qué son eu e que levo feito na vida para merecer o agarimo con que me acariñades? Se me permitides a obscenidade de rirme de min mesmo diante de todos vós, confesaríavos que, a fin de contas, considérome un músico abortado que, como ouvíu dicir tántas veces que na política había moitos cantantes, chegou á conclusión de que un máis non se notaría moito, se non desafinaba.
.
[Texto lido o pasado sábado 22 de Outubro de 2006 -en Láncara- con motivo do Premio Ramón Piñeiro "Facer País"]

O que pasa é que parece ser que desafinou abondo –mesmo escandalosamente ás veces. Por outra banda ténselle atribuído ao Beiras unha "vontade de estilo" na sua escrita. Eu lévome perguntado moitas veces, e sigo aínda a perguntarme, se é posíbel facer literatura escribindo sobre economía e sociedade, e até agora sempre cheguei á mesma resposta: non hai outra literatura cá de ficción, de xeito que na prosa, fóra da narrativa, só merecería considerarse literatura o ensaio que deseñase utopías. O que pasa é que, se someto a contraste as diagnoses e propostas que levo escrito sobre a patoloxía social galega coa teimuda realidade dos feitos que aínda hoxe seguen a acontecer, se cadra resulta que os meus deseños resultaron ser imaxinarias utopías, e portanto simples e ineficaz literatura de ficción. Certo é porén que, nisto, teño precursores moi ilustres cos que non me non podo comparar. Venme ás mentes unha lembranza conmovedora. Cando Antón Avilés era concelleiro de cultura en Noia promovera o irmanamento da sua vila coa de Estarreja, a patria do xenial neurólogo e premio Nobel Egas Moniz, na Galiza sul portuguesa. A cámara municipal de Estarreja acordara abrir unha rúa nas aforas da vila co nome de Castelao, e alá foramos para participarmos na celebración. O rótulo estaba grabado a cincel nun poio de perpiaño, chantado no chan, e puña: "Rua de Daniel Castelao, poeta galego". Solprendido, pergunteille a Avilés: "Antón, estás a ler o mesmo ca min?". E o Avilés, co seu aquel mariñeiro de sosego imperturbábel, espetoume sen pestañexar: "E logo Castelao non era poeta?". Comprendín. Antón estaba no certo. Castelao érao –mais eu non, certamente non.

CONTINUAR LENDO...



Daquela: político?, inteleitual? Mais, qué son cada unha desas figuras? Se me compríse definilas a partir da miña propria experiencia, pasada pola peneira da reflexión, só podería formular esta distinción: o inteleitual móvese por valores, o político móvese pola ambición. Entendédeme: refírome á honorábel ambición de facer posíbel o que é necesario para o benestar dos cidadáns. O benestar dos cidadáns é sen dúbida un valor, mais o logro da sua realización a traveso da acción política require o exercicio do poder, e dese xeito, a conquista do poder convírtese no móvil do político que decide loitar por conquerilo. Para exercelo a prol dos cidadáns, si, ao cabo. Mais de primeiras trátase de obter o poder. Despois, ese obxetivo instrumental, na prática, tende a sufrir unha singular metamorfose: convirtirse nun fin en si mesmo. Daquela fica aberto o risco dun frecuente proceso dexenerativo: a honorábel ambición transfórmase en cobiza do poder. E Shakespeare entra en escena: a historia do poder é a crónica do crime: o rei Lear, Ricardo III, Macbeth.

Se eu paso por ser un político atípico, non é tanto polo meu xeito de abordar o combate canto porque, en rigor, eu non son nen fun nunca propriamente un político senón un inteleitual que non se furtou a combater na loita política. Por iso desafino ou resulto disonante. Mais tamén por iso, entroques, encaixo na tradición e na cultura política do nacionalismo galego e estaría fora de lugar en calquera das outras. Eu recoñézome nos meus ancestros e devanceiros, que sempre se moveron por valores e nunca aceitaron postergalos nen eludilos, nen índa menos sacrificalos, cando entraban en conflito ou estorbo cos obxetivos imediatos ou as esixencias instrumentais da acción política. Para ben e para mal. E estaban no certo: de non teren sido así, o nacionalismo galego non tería chegado aos nosos días e a nación galega, Galiza como realidade nacional, non tería sobrevivido ás pancadas da historia de España en Galiza, teríase esfarelado, comesta pola couza da cociña política que fadalmente suplanta á política xenuina cando os valores son supeditados á eficacia na conquista e no exercicio do poder.


Mais, ¿cales son logo, para min, eses valores?

1. O primeiro, máis que un valor en sí, é un postulado axiolóxico preliminar. Facede memoria e relembrade aquel episodio do réxime franquista no que varios catedráticos antifascistas foran desposuídos das suas cátedras, con intervención directa do ministro Fraga Iribarne nesa infame falcatruada. Un diles era José Luis L. Aranguren, catedrático de ética. José María Valverde, catedrático de estética, que non fora represaliado, solidarizouse renunciando á sua cátedra. Aranguren pedíulle que non fixese tal cousa. A resposta de Valverde foi rotunda e lacónica nun telegrama que acadou moita sona. Dicía así: "nulla estetica sine etica". O postulado preliminar ao que me refiro é unha simples traslación da sentencia de Valverde: "nulla política sine etica". Etica democrática, claro está. E, na esquerda, ética de esquerdas, e non ética burguesa.

2. Fraternidade. Dos tres valores referenciais dos revolucionarios que abateron os antigos reximes autocráticos e transformaron aos súbditos en cidadáns, a fraternidade é o fundamental. Seguramente por iso foi o primeiro valor botado pola borda desque as revolucións liberais dos ilustrados e os "sans culottes" desembocaron no liberalismo burgués dos propietarios e de "l’homme aux écus" que premonitoriamente caricaturizara Voltaire. Falo da fraternidade non no senso patriarcal da "lei de família" –a irmandade dos fillos do petrucio- senón no senso revolucionario da hexemonía da "lei civil" precisamente sobre a "lei de família", mais tamén incluso sobre a "lei política". Ou sexa, o que defendían en 1789 os "montagnards" na revolución francesa, e defenderían en 1917 os "soviéticos" que, na revolución rusa de outubre, pariron unha federación de repúblicas de "soviets", é dicer, de "Consellos obreiros" –que é o que siñifica "soviet". Noutras verbas, a fraternidade siñifica politicamente o principio da cidadanía igualitaria como alicerce e centro de gravedade da estruturación política democrática da sociedade, siñifica democracia horizontal. E nunha orgaización política ven siñificar asamblearismo –non manipulado, claro, mais tampouco "espontaneísta". Na tradición do nacionalismo galego, tanto na sua historia como até na sua prehistoria, o valor da fraternidade impregna o principio e a vivencia galeguista da irmandade, mesmamente.

3. Cooperación. Digo "cooperación" como valor antitético do contravalor "competición" –que non equival á simples "emulación". Levo insistido arreo en afirmar que non pode haber socialismo nen esquerda sen que as pautas de conduta individual e de relación social no seu seo consistan na cooperación. A dia de hoxe ouso afirmar que, sen esa condición, nen sequer pode haber democracia. O andacio máis pernicioso suscitado pola exacerbación ultraliberal da competición non consiste en que leva ao paroxismo a irracionalidade social do sistema económico, senón en que carcome e destrue as condicións de existencia posíbel da democracia. E cando ese andacio penetra, como está a penetrar con aceleración constante, en orgaizacións políticas e sociais da esquerda, surte o efeito dunha gangrena irreversíbel que fadalmente enxendra monstrosas malformacións letais: non hai esquerda que poida sobreviver se non erradica a competición do seu seo.

4. República. Deixémonos de lerias: a república non é un sistema político; a república é unha forma de civilización e cultura sociopolíticas. Ben sei: a monarquía é un anacronismo histórico. Mais de pouco val derrubar ou abolir unha monarquía se a sociedade non asume a república como cultura civicopolítica, se non a impregnan os valores republicáns. Quero dicer que a república non é cousa que atinxa só nen primordialmente á configuración do aparello do poder político e do Estado. Nen os valores republicáns se confunden ou identifican cos democráticos. A cultura civicopolítica francesa distingue entre democracia e república, e mesmo enxendrou un coñecido requilorio preñado de ironía: "se chega a perigar a democracia aínda nos restará a república". Que na Galiza poderíamos traducir no famoso retrouso roqueiro: "menos mal que nos queda Portugal" –que é república, claro. A laicidade, por exemplo, é un valor de xinea republicán, que na cultura cívica francesa asumen mesmo os non demócratas. Eu son demócrata, mais a miña forma de ser demócrata baséase nunha cultura republicán, e non podo concebir democracia sen república, na cultura cívica –e na forma de Estado. Aínda que só fose por ter estado sempre a nación e o povo galegos sometidos á monarquía española -dende os dous católicos aos austrias e aos borbóns- o nacionalismo galego foi sempre explícitamente republicán e non pode ser outra cousa nen doutro xeito –non o pode ser vergonzantemente, como arestora.


5. Democracia participativa. É un valor indispensábel se pretendo manter a congruencia co que levo dito até eiquí. Mais non é só por congruencia polo que o sosteño, senón porque sen democracia participativa non hai democracia posíbel –e menos no presente histórico da humanidade, no que a diverxencia e mesmo o divorcio antre a instancia política e a cidadanía, ou sexa a sociedade en canto povo, non cesa de ampliarse e agravarse. Sen democracia participativa a democracia representativa padece esclerose e deriva en oligarquía, mesmo no senso definido hai máis de dous mil anos polos clásicos gregos, nada menos. Os partidos convírtense en "aparatos" e as cámaras de representantes en "cámaras de gas", como ousara eu dicir hai anos xa no parlamento da Galiza –metafóricamente, claro. Esta deriva perversa suscita a necesidade de reconstruir as pontes, ou construirmos pontes novas, entre a cidadanía e a instancia política: é un dos debates primordiais nos foros sociais mundiais destes anos. Mais as novas pontes terán que apousar os seus peares no tecido asociativo horizontal e diversificado da cidadanía, veiculizador e articulador dunha dinámica participativa. Entramentras, a autoorgaización das xentes do común terá que suplir a parálise das esclerosadas superestruturas políticas, partidos incluídos, en emerxencias críticas –como aconteceu con Nunca Máis, coas movilizacións contra a invasión do Irak, contra a tiranía das OTAN, FMI, OMC e demais "extraña família"- ou con ocasión do plebiscito francés do Tratado pretensamente constitucional da UE.

6. Primacía dos dereitos colectivos. A alternativa á asunción deste valor non é outra que o "sálvese quen poda", ou sexa, a negación mesma da orgaización social. O "sálvese quen poda" é a forma en que a "orde natural", tan cara aos ultraliberais, orgaiza a resposta colectiva dunha grea de búfalos africáns ao ataque dunha familia de leóns. Eu non teño alma nen vocación de becerro. Os cidadáns do común non alienados tampouco.

7. Igualitarismo. Non debería ser preciso nen tan sequer reivindicar este valor: está proclamado en todalas constitucións políticas e en tódalas cartas de dereitos fundamentais de tódolos estados e institucións internacionais paridas ao ancho do planeta nos últimos douscentos anos e pico. Estáo mesmo, dende moito tempo antes, na doutrina da santa madre iglesia católica, que afirma –e é dogma de fé- que tódolos seres humáns nacemos iguais, e igualmente lixados polo pecado orixinal, sen distincións. E porén a desigualdade non só perdura senón que se agudiza, amplía e agrava a ritmo constantemente acelerado, convirtindo en papel mollado toda a morea de sabias constitucións e cartas de nacións unidas na máis flagrante desunión. E non estou a referirme só ás desigualdades económicas, sociais e culturais. Refírome moi especialmente á desigualdade perante a lei, ou sexa, a unha realidade fáctica e até xurídica antitética do tantas veces proclamado principio democrático da "igualdade perante a lei". Mais hoxendía, os máis lúcidos e progresistas reivindicadores do igualitarismo sosteñen que non pode existir igualdade sen dereito á diferencia e respeito da diversidade. Ao cabo, o saber popular sabe moi ben que non hai pior desigualdade que a de tratar igualmente aos desiguais. Compriría metérllelo ben metido nos miolos, índa que fose a forza de trepanación, aos habitantes da caverna española que vociferan que galegos, cataláns e euskaldúns somos todos igualiños e igualiñamente españois de nación. Mais non podo sustraerme ao temor de que tamén frente ao ataque desas famentas alimañas depredadoras se aplique o "sálvese quen poda" en forma de "iso non vai conmigo", pesia os xa lonxanos brados de avertencia de Bertolt Brecht que aínda resoan nas estancias de toda Europa.

8. Autodeterminación cara a independencia. Qué queredes que vos diga. Tardei en convencerme. Mais, após decenios de vida malgastos en ensaiar o raciocinio, a paciencia, o tempero, a argumentación, a persuasión e até o optimismo da vontade para contribuir dende a miña identidade nacional galega a construirmos en común un Estado español habitábel por todos, despois de todo ese esforzo durante todo ese tempo, cheguei á conclusión de que estivera a "traballar para o inglés". Nen sequer se trata dun esforzo ilusorio por realizar unha utopía. Non. Trátase dunha "impossible mission". Debín facerlle caso ao don Ramón María dos esperpentos, que hai ben tempo xa que dictaminara por boca do seu alter-ego Max Estrella que "España es un corral nublado". A caverna española obstínase en darlle toda a razón aínda hoxe. Compre renderse á evidencia: só o combate pola nosa autodeterminación como povo, orientada cara a independencia, só ese camiño poderá chegar a algures, só esa actitude suscitará respeito cara nós e os nosos dereitos cívico-políticos, poisque a caverna española só respeita a quen teme. É mágoa, mais é asi. Porque o problema non o somos nós, os galegos nacionalistas: sóno iles, os chovinistas de diversas córes e adubíos. Os atrancos non os pómos nós: poñenos iles. Nós tentamos construir para tódos: iles só se aplican a destruir o que nós dámos construído. Cómprenos elevar o ángulo de tiro na nosa pacífica e cívica proposta para chegarmos alén das suas posicións. E dende aí sempre estaremos a tempo de falar se acaso "abrenuncian" á apolexética dos dogmas para profesaren o uso da razón ilustrada –é dicir, se acaban por ingresar na cultura da modernidade propriamente dita.

9. Socialización. Non pode haber democracia real e efectiva, na praxe cidadán, sen socialización como eixo do avance histórico dos povos. Mais sempre entendín que, para a socialización prosperar, non podía consistir na simple nacionalización ou colectivización das unidades e meios de produción, nen cinxirse á instancia económica de sociedade. A socialización é un proceso que, a nivel individual, atravesa cada ser humán desque nace até que desaparece da biosfera: un proceso de constante aprendizaxe da convivencia, en interacción co seu entorno. A normalización dese proceso a nível colectivo é a chave do avance histórico nas formas que pode revestir a estrutura social dos povos, nunha causalidade dialética coas condicións materiais de existencia e máis coas formas culturais e as representacións ideolóxicas e axiolóxicas que o proprio proceso vai enxendrando. Compre encetarmos un debate de ideas amplo e veraz sobre o sentido e contidos que poden ter a socialización e, portanto, o socialismo na Galiza de hoxe e na conciencia nacionalista contextualizadas na presente conxuntura histórica do xénero humán.

10. Home novo, muller nova –nova cultura. Se o primeiro ponto que vos espuxen enunciaba un postulado preliminar, iste derradeiro sinala o necesario ponto de chegada referencial do proceso orientado polo repertorio de valores que asumo e veño de ofrecer á vosa sensibilidade e a vosa intelixencia. Ben vos decatades de que o logro do "home novo" constitue o cerne teleolóxico de todo proceso revolucionario. Mais non iñoro que o valor semántico da verba "revolución" non é unívoco, senón plural –polisémico- e, pola mesma, préstase a moi diversas interpretacións. No entanto, nalgo podemos coincidir todos nós: todo nacionalismo emancipador é, no seu cerne, revolucionario –e até libertario no senso orixinario da palabra. Xa era xerminalmente así na revolución irmandiña galega do século XV, na que os nosos ancestros servos percuraban ao seu xeito o nacemento do "home novo" nas condicións do seu proprio tempo histórico. Esa revolución pioneira na Europa de entón deixou unha pegada indelébel na que, máis tarde, chegaría a ser a cultura do nacionalismo galego. Compre un grande "encontro irmandiño" rexenerador desa cultura cívica e política. Para ese labor sigo a estar disposto, como un operario máis na cooperación das xentes do común, da república dos cidadáns e as cidadás galegas auténticamente boas e xenerosas.

Moitas grazas

Nenhum comentário: