terça-feira, 2 de outubro de 2007

Carlos Aymerich: A Política Sobre Drogas


Charla dada por Carlos Aymerich na jornada "DROGAS E MOCIDADE: FUXIR DA REALIDADE? SÁBADO, 12 DE XANEIRO DE 2002. FACULTADE DE PSICOLOXÍA. SANTIAGO FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE e GALIZA NOVA". Achamos que é umha reflexiom chea de sentido comum e moi acaída ao momento atual. Chega já de políticas absurdamente repressoras, é a hora da legalizaçom. Acompanhamos o texto, para que seja mais ameno, com música dos Planet Hemp. LeGaliza já!





A POLÍTICA SOBRE DROGAS
Carlos Aymerich Cano. Deputado no Congreso

1. A necesidade dunha nova política sobre drogas.

Despóis de anos de políticas baseadas no proibicionismo, comprobamos como a produción, o consumo e o tráfico de drogas seguen a aumentar. Comprobamos como as consecuéncias prexudiciais – a nível individual e a nível social – ligadas ao narcotráfico non só non deminuiron senón que mesmo teñen aumentado: criminalidade, aumento da populazón reclusa, influéncia do diñeiro suxo no sistema económico, militarización de amplas zonas do planeta coa excusa da luita contra a droga (Plano Colómbia, Plano Puebla-Panamá e Iniciativa Andina) e, enfin, predomínio dunha visión represiva e policial do problema. Porque, e penso que aquí coincidiremos todos e todas, estamos perante un grave problema. O que discutimos e como resolvé-lo e como conviver con el.

A guerra contra as drogas - (así é denominada pola Administración USA), imposta polos Estados Unidos á maior parte do mundo, através da Oficina de Fiscalización de Drogas e Prevención do Delicto das NN.UU. e da técnica da certificación, política seguida acriticamente pola Administración española e pola Xunta de Galiza – é, sobretodo, unha guerra contra as persoas. Contra os elos mais febles da cadea – os consumidores, os pequenos traficantes, os produtores latinoamericanos ... – e non contra aqueles que decote guardan unha sospeitosa proximidade co poder*.



Xa son muitas as persoas e as organizacións, envolvidas directamente na problemática das drogas, que reclaman unha nova política ao respeito. Unha política que insista na información, na prevención, no tratamento e da redución de danos e que se refira a cualquer tipo de droga (sexan as hoxe consideradas legais ou as hoxe consideradas ilegais). Unha política que parta da constatación de que as drogas sempre existiron, en todo tempo e en todo pais e que, por conseguinte, non é previsíbel a sua desaparición e, nomeadamente, do respeito á liberdade das persoas.

CONTINUAR LENDO...



Mas, se me permitides, antes de prefillar as liñas mestras do que poderia ser unha política sobre as drogas, gostaria de desenvolver brevemente estas afirmacións que veño de facer:

1. A actual política é ineficaz: mália as optimistas declaracións do Sr. Pino Arlacci, Director Executivo da Oficina de Fiscalización de Drogas e Prevención do Delicto das NN.UU., para quen o problema mundial das drogas estaba a piques de se resolver (foi cesado no seu cargo o mes pasado), o certo é que nos últimos anos a oferta de drogas, mais variada que nunca ten aumentado, o mesmo que a sua demanda, tanto nos países desenvolvidos como nos subdesenvolvidos. Baste lembrar que no ano 1999 se rexistaron en Galiza apreixamentos récord de cocaina, heroina e haxís e que esta mesma tendéncia é observábel a nível mundial. A própria ONU debeu recoñecer que o consumo e a produción de substáncias ilegais non cesou de aumentar durante os anos noventa. De facto – e son mais outra vez fontes da ONU quen o din – os prezos son mais baixos que nunca.

2. A actual política anti-drogas é un perigo para os direitos humanos e o Estado de Direito, así como para o meio ambiente (fumigacións realizadas en Latinoamérica ao tempo que fracasaron totalmente os programas de desenvolvimento alternativo), tanto nos países produtores como nos países consumidores. Centra-se nunha estratexia puramente represiva (incardinación do Plano Nacional sobre Drogas no Ministério do Interior) da micro-delincuéncia relacionada coas drogas, desatendendo outras políticas. Exemplo, lei Corcuera.

3. A actual política sobre drogas impede un debate tranquilo sobre as alternativas que están surxindo a nível nacional, estatal e internacional. Non é casualidade que no Estado español en xeral, e na Galiza en especial, as políticas de redución de danos – que mália non cuestionar directamente o proibicionismo si supoñen, indubidabelmente, un paso á frente – ainda non se teñan experimentado, a salvo dos programas de metadona. Nen salas de calor, nen programas de intercámbio de seringas, nen administración controlada de heroina.

4. A actual política sobre drogas fomenta a desinformación e o abuso das drogas, no canto de promover un uso racional das mesmas que, en calquer caso, vai-se estendendo en certos estratos sociais (caso dos “novos consumidores” de heroina e cocaina non inxectada e non marxinais) para desconcerto dos responsábeis governamentais. A distinción básica non é drogas leves ou drogas duras, é dicer, non atende aos efeitos da substáncia sobre o consumidor, mas a de legal/ilegal.

5. A actual política sobre drogas mostra-se ineficaz – a mantenta, caso Berlusconi: euro-orde, toleráncia cero para a micro-delincuéncia e laxitude para os grandes delictos – para previr o lavado de cartos. Mesmo despois dos fogosos impulsos pós-11 de setembro, nada se fixo para eliminar os paraísos fiscais ou para investigar seriamente aos bancos envolvidos nestes negócios. E, desde logo, para ver os perniciosos efeitos do diñeiro da droga non hai que ir a Rúsia: basta con dar-se unha volta por Vilagarcia e ver tendas que venden os produtos por baixo do prezo de fábrica sen que as autoridades municipais ou autonómicas parezan se inmutar.
6. O acento no represivo provoca graves caréncias nos outros aspectos do problema. E mais outra vez, tampouco debemos ir a Colómbia á procura de exemplos: mortes por sobredose en prisión, infección ou re-infección por VIH, limitacións do programa de metadona (metabús, contrato e rexime sancionador, problemas da metadona de mantimento, centralización ...). Para alén das PNC que se suspenden ao entrar en prisión ou por incapacidade.
.


2. Unha nova abordaxe da cuestión.

Á hora de falarmos en alternativas á política actual sobre drogas, debemos diferenciar dous planos. Un primeiro plano, o dos princípios sobre os que esta nova política sente e os obxectivos que, a meio ou longo prazo, procure. Un segundo plano referirá-se á adopción de medidas concretas, plenamente realizábeis dentro do marco regulatório actual.

- Canto ao primeiro, do meu ponto de vista, calquer focaxe sobre a política de drogas debe partir do respeito á liberdade das persoas e da constatación de que as drogas son e seguirán a ser, legais ou non, toleradas ou non, unha realidade incontornábel en calquer sociedade.

A partir disto, cabe barallar várias alternativas ao proibicionismo. Toleráncia (exemplo holandés) ou legalización (e dentro desta, a legalización total ou a legalización controlada). Calquera destas alternativas melloraria a situación actual, por mais que eu prefira unha legalización controlada polos poderes públicos e baixo controlo do sistema público de saúde.

Legalización controlada supón – e isto teñe-no ben estudado e desenvolvido no Bloco de Esquerda - , diferenciar, en primeiro lugar, entre drogas duras e leves.

As primeiras submeterian-se a un modelo de comércio pasivo e de produción controlada, á marxe do cultivo para o auto-consumo. Comércio pasivo quer dicer – e isto poderia falar muito mellor o compañeiro Alfredo Frade – produción controlada, información aos utentes, proibición de publicidade e do rexisto de marcas e venda en locais autorizados prévio o cumprimento de certos requisitos (distáncia a respeito de centros docentes, proibición da dispensación de álcool, rexime sancionador)**.

Para as segundas haberia unha legalización sob controlo do sistema sanitário público, con dispensación pública da substáncia através da rede sanitária pública.

Desta forma atacaria-se non só o mercado clandestino e os seus efeitos perniciosos xa indicados mas tamén deminuiria de forma drástica a mortalidade e a morbilidade dos consumidores de droga así como tamén os delictos actualmente decorrentes do mercado ilegal.

- Canto ao segundo, sen entrar en colisión co marco regulatório actual –en concreto, sen entrar en colisión cos Tratados Internacionais dos que o Estado español é parte e en cuxa revisión deberia comprometer-se -, cabe adoptar imediatamente certas medidas que redundarian nunha mellor compreensión e tratamento do problema.

a) Aumentar o orzamento destinado ao tratamento dos drogodependentes que queiran abandonar a sua adicción, para criar unha rede pública de centros con capacidade suficiente (Vs Reto e similares, é dicer, vs a privatización dos tratamentos de desintoxicación).

b) Menor acento no represivo: a política de droga debe formar parte da política sanitária e non da política de interior.

c) Deixar de perseguir ao consumidor: iniciativa do BNG para reformar a Lei Corcuera, rexeitada polo PP e polo PSOE.

d ) Maior coordenación e clarificación das estruturas públicas actualmente existentes (UMADs, planos sociocomunitários, ...), de cara a permitir un tratamento global do problema: social, sanitário.

e) Integración dos programas de redución de dano na rede sanitária pública (vs metabús, problema do centro da Agrela) e afondamento e estensión doutros programas como, p.ex, a administración controlada de heroina, narcosalas e salas de calor. Desde logo, maior oferta de prazas e maior transparéncia no acceso aos programas.

f) Integración da sanidade penitenciária na rede sanitária pública (Combivir).

g) PNC

h) Maior oferta de centros de cumprimento alternativos á prisión e solución do problema que á luz do CP vixente prantexan aqueles que dispensan metadona de mantimento.

i) Envolvimento sério e críbel na investigación e na perseguizón do branqueo de cartos, tanto a nível interno como internacional (Gescartera como síntoma).

j) Promoción dunha nova política internacional sobre as drogas respeitosa dos direitos das persoas e dos povos, que non serva como excusa para aventuras imperialistas.

O momento é bon para comezar un debate que, tanto no BNG como na sociedade, é agora mais necesário que nunca. Xa van sendo muitos as persoas e as organizacións que reclaman unha nova política sobre drogas, que se decatan do sen sentido do proibicionismo e das suas razóns
(económicas, políticas e militares) ocultas.

Agardo que esta xornada serva para que tamén na Galiza este debate nos conduza a alternativas mais realistas, mais eficaces e, sobretodo, pensada para as persoas e non en contra delas.

* O Anuário 1998-1999, o último publicado, do Observatório Xeo-político das Drogas di-o claramente: “a tentación do diñeiro ilícito alcanza aos dous grandes partidos españois. A hexemonia do PP, que dirixiu Galiza sen interrupción desde o retorno á democracia, e a ideoloxia conservadora dos narcos, fixeron que a os fluxos económicos se dirixisen preferentemente cara el. Mas o PSOE, que até unha data recente, detentou unha certa fracción do poder municipal no governo de grandes municipalidades como A Coruña (coñecida como a “capital da coca” pola imprensa española), Santiago de Compostela ouVigo ten-se aproveitado igualmente”.

** “O consumo de drogas suaves na Holanda nom se diferença quanto a volume e caráter do patrom que existe noutras partes do mundo ocidental. Nos últimos anos, o consumo nos EUA., por exemplo, é de novo bastante mais elevado que na Holanda. Isto pode dizer-se igualmente lo que se refere aos menores de idade. A descriminaçom nos anos setenta tampouco conduziu entom a um aumento do consumo entre a juventude. Por outra parte, o objetivo da política holandesa de proteger a adultos moços, que numha determinada fase de sua vida desejam consumir drogas suaves, contra o perigo que existe no mundo das drogas duras, foi além disso realista. Só umha parte moi pequena dos moços que consomem drogas suaves passa a consumir drogas duras. A idea anunciada por alguns de que o consumo de produtos de tipo cannabis provocam de por si a necessidade fisiológica ou psíquica de ingerir tamém drogas duras, a chamada teoria da passadeira (stepping stone theorie) tem sido desmentida na Holanda polos desenvolvimentos reais. Os jovens holandeses que usam drogas suaves dam-se perfeitamente conta dos maiores riscos que representa o consumo de drogas duras, como a heroína, e por isso nom se lançam em breve a experimentar com elas. A parte dos consumidores de drogas suaves que passa a consumir ao mesmo tempo drogas duras é na Holanda relativamente baixo. A teoria da passadeira deve considerar-se à luz destas experiências como um dos moitos mitos que existem acerca do consumo de drogas. Um mito que sob certas circunstâncias poderia converter-se numha profecia autorrealizável: medindo sistematicamente com o mesmo raseiro o consumo de derivados do cânhamo e as drogas duras, como heroína e cocaína, pode estimular-se precisamente, pois, que os fumantes de cannabis entrem em contato com drogas duras. Mediante esta equivalência se mina, além disso, a credibilidade da informaçom sobre drogas à juventude” (Informe ao Governo holandés sobre a revisom da política relativa ás drogas, 1995).


.

4 comentários:

Anônimo disse...

Fabuloso post, comecei a lelo un pouco por enriba e ao final "chapeino" de pe a pa... Podo decir que estou dacordo no 99% do exposto por Aymerich, aínda que creo que deixa un pouco de lado un tema importante: ao facer a división en drogas blandas e duras (por suposto que tal diferencia existe) paréceme que non da unha proposta clara con respecto ás drogas duras (lembremos que o consumo da cocaína está aumentando), para as que a legalización é por suposto unha loucura.

"As primeiras submeterian-se a un modelo de comércio pasivo e de produción controlada, á marxe do cultivo para o auto-consumo. Comércio pasivo quer dicer – e isto poderia falar muito mellor o compañeiro Alfredo Frade – produción controlada, información aos utentes, proibición de publicidade e do rexisto de marcas e venda en locais autorizados prévio o cumprimento de certos requisitos (distáncia a respeito de centros docentes, proibición da dispensación de álcool, rexime sancionador)"

¿Non é un pouco utópico? ;-)

Sr. J disse...

Coido que hai umha confussom (perfectamente comprensível já que provém dum erro no texto): o párrafo que citas ti, refire-se em realidade às drogas BRANDAS e nom às duras, aínda que efectivamente está posto ao revés, erroneamente. Isto deveu ser um erro do escritor ou do que fizo a transcriçom. O que se propom realmente sobre as duras é: "Para as segundas haberia unha legalización sob controlo do sistema sanitário público, con dispensación pública da substáncia através da rede sanitária pública". Já ves que semelha mais razonável.

O párrafo que citas refire-se às dorgas brandas e é exactamente o que se fai nos Países Baixos, que como sabemos funciona e moi bem (vamos, que nom é nada utópico).

Anônimo disse...

Efectivamente é máis razoable, aínda que o problema das drogas duras sen aplicación médica (heroína, farlopa...) segue sin abordarse.

Sr. J disse...

Si que se aborda, na medida em que se está a propor que sejam dispensadas pola sanidade pública (tanto as que tenhem aplicaçom médica, como dis ti, como as que nom).

Quizais os detalhes nom esteam moi explicitados, é dizer, a quem se lhe dispensariam, quanto teria que pagar...