.
(Artigo publicado originalmente em Vieiros).
Xoán Carlos Carreira Pérez (Lugo, 1956). É catedrático da Escola Politécnica Superior de Lugo, da que foi director. Actualmente é vicerreitor de Infraestruturas da Universidade de Santiago de Compostela. Vinculado ao sindicalismo agrario nacionalista dende mediados dos 70. Foi membro da dirección do Sindicato Labrego Galego a comezos dos anos 80.
O minifundio está considerado en Galiza case como unha maldición. Todo o mundo quer acabar con el. Desde o punto de vista político as esquerdas e as dereitas, o nacionalismo e o españolismo. Desde o punto de vista económico progresistas e conservadores. Ate se converteu en exemplo de males a combater. Así falamos do minifundio mental, do minifundio cultural, do minifundio político, ...
Mais ¿por qué é malo o minifundio? Se facemos esta pregunta é difícil que sexa contestada mais aló de lugares comúns. Como todo dogma, ninguén necesita demostrar nada. Todo o mundo sabe que é malo e punto.
Aínda así, cómpre lembrar que o futuro das pequenas explotacións foi obxecto dun interesante debate político e científico. Hai case vintecinco anos que Miren Etxezarreta analizou as perspectivas da agricultura familiar, describindo con claridade as teorías da Chayannov, Vergopoulos, Cavailhes, Servolin, etc. Daquela intereseime moito pola polémica entre estes dous últimos. Cavailhes sostiña que as pequenas explotacións agrarias familiares estaban destinadas a desaparecer porque son ineficaces. Servolin, pola contra, opinaba que a pequena agricultura familiar resistiría entre outras cousas, porque é o réxime máis favorable para o conxunto do sistema.
Recentemente, tentando atopar novas referencias comprobei que o debate, máis amplío e rico do que eu coñecía, segue vivo na actualidade dende distintos ámbitos científicos, desde a agroecoloxía, desde a vía campesiña, etc. Volvín lembrar as teorías de Eric Wolf coñecín o narodnismo ruso, e as posicións, entre outros, de Sevilla Guzman, González de Molina Altieri e Teodor Shanin que chama a atención sobre o absurdo de definir con precisión ao campesiñado, un grupo social que nunca deixou de existir. De feito este debate mantense, como din algún deste autores, entre outras razóns, pola constatación de que o campesiñado non ten desaparecido a pesar das teorías proféticas dos clásicos do pensamento social agrario e dos sectores académicos máis liberais.
CONTINUAR LENDO...
Teñen pasado moitas cousas nestes últimos vintecinco anos. Á brutal reconversión agraria en Galiza veuse engadir, a nivel mundial, a crise do concepto mesmo de agricultura (e tamén da gandería e forestal ). Non hai moito comezouse a falar da multifuncionalidade agraria (no ano 1995 coa axenda 21 e no Cumio de Luxemburgo en 1997) que se definiu como “a característica dunha actividade económica (agricultura) que produce resultados e efectos múltiples e interconectados”. Estamos pois en plena redifinición das interaccións entre o rural e o urbano, se cadra, un novo enfoque do que en Galiza coñecemos de vello como o conflicto vila-aldea. En resumidas contas, como lle escoitei dicir ao profesor Oliveira Baptista estase a pensar se a agricultura é tan só unha actividade para producir alimentos e/ou materias primas ou ben se, no século XXI e no noso contorno económico, tamén é (e debe selo máis no futuro) unha actividade que presta servizos á sociedade que, á súa vez, debe valorar.
Agricultura multifuncional
Seguindo a Eduardo Ramos, podemos dicir que non existe problema para poñerlles prezo a algunhas das achegas da agricultura multifuncional, porque son perfectamente susceptíbeis de ser valoradas polo mercado. Este é o caso da producción de alimentos e fibras, turismo rural, transformación dos productos, etc. Porén outras achegas da agricultura dificilmente son valoradas polo mercado (non se pode ou non se quere) e polo tanto non teñen prezo. Este é caso da conservación da paisaxe, solos e biodiversidade, do xeito de vida rural e das tradicións, da seguridade alimentar e a saúde, etc.
Neste novo concepto da agricultura do século XXI ¿é o minifundio un problema ou é un sistema agrario de precisión que debemos poñer en valor?
.
O minifundio ten dúas características. Por un lado a pequena dimensión das explotacións e por outra a multiparcelación. O segundo aspecto é resultado, entre outras cousas, da adaptación á topografía e a fertilidade dos solos. Neste sentido é unha agricultura de precisión (a mais moderna ) pero feita, sen a axuda do satélite, co traballo, a experiencia e a sabedoría de moitas xeracións de labregos e labregas. Coñecemos tan pouco o noso sistema agrario que o mellor estudio sobre o mesmo tivo que facelo un francés (Abel Bouhier), tardouse moitos anos en traducir e mesmo hoxe é coñecido só en círculos reducidos.
.
En todo caso, tentarei analizar de xeito moi sintético como cumpren os nosos distintos sistemas productivos agrarios coas diferentes achegas que se lle piden á agricultura do século XXI. Para elo vou facer uso dos datos dun estudio que estou a realizar agora mesmo e para o que dividín as explotacións agrarias galegas en tres sectores: o minifundista, o “moderno e profesionalizado” e un sector intermedio.
.
O minifundio é o que define a nosa paisaxe e mesmo as nosas sinais de identidade como país. Ninguén dubidará do enorme valor paisaxístico dos socalcos da Ribeira Sacra, dos valados de pedra coas súas diferentes tipoloxías, das sebes, dos camiños e pasais, dos sistemas de pozas e canles de rega.
.
O minifundio e a biodiversidade
.
No mantemento da biodiversidade sen dubida o minifundio leva vantaxe. Neste sentido o valor das sebes e valados é indiscutible. Polo demais a diversificación e adaptación da produción minifundista ao terreo é moi superior á da agricultura “moderna”. No sector profesionalizado predomina o monocultivo. Mais do 85 % das explotacións deste sector dedícanse só á gandería (vacas de leite e granívoros). Pola contra no sector minifundista predomina a diversificación productiva. Preto do 25% son explotacións que practican o policultivo e cultivos agrícolas diversos, outro 25 % practica gandería mixta e agricultura e outro 25 % dedicase á gandería de carne (vacas, ovellas, ..).
.
O minifundio xoga un papel importante na conservación medio ambiental e dos solos. Hai uns días lin nun xornal como o director do CIAM de Mabegondo explicaba que grazas aos valados, a contaminación dos ríos por xurros non era maior. Despois da ultima vaga de incendios tentouse parar a erosión construíndo barreiras, é dicir reproducindo o sistema de valados, cómaros e gabias que o minifundio xerou ao longo de séculos.
.
En canto á seguridade alimentar hai que ter en conta que o menor uso de pesticidas e abonos químicos xera alimentos de maior calidade. Algún estudio aínda inédito vén confirmar que a diferenza desde o punto de vista medio ambiental entre a agricultura ecolóxica e a agricultura, chamémoslle tradicional e minifundista, é moi pouca.
.
A sabedoría popular e a conservación das tradicións residen no sector minifundista. Alí seguen a practicar agricultura os labregos e labregas máis vellos coa súa sabedoría secular. Nela consérvanse, a piques de perderse, especies autóctonas que poden ter un enorme valor no futuro (froitas, productos da hora, cereais, etc ).
.
Do dito ate aquí, desde o meu punto de vista, podemos deducir que o minifundio é máis eficaz no cumprimento dalgún dos obxectivos que se lle asignan á agricultura neste século. Mais quédanos por analizar o que moitas persoas consideran fundamental: a eficiencia económica e produtiva. Neste sentido poucas dubidan de que o minifundio non chega a cumprir os mínimos esixíbeis. ¿Mais realmente é así?
.
O tamaño non inflúe
.
A produtividade vén determinada en primeira instancia pola fertilidade natural da terra e polo clima. Este dous aspectos son independentes do tamaño das explotacións. Tamén ben determinado polo uso dos insumos: abonos, fistosanitarios, etc. Se a dose por unidade de superficie é a mesma, o tamaño da explotación tampouco inflúe. En todo caso é o prezo o que pode ser menos competitivo mais ese é un tema de organización social que hoxe ten solución (cooperativas de consumo, por exemplo).
.
O que pode facer menos produtivo ao minifundio son pois os aspectos relacionados coa eficiencia da mao de obra. Para isto é fundamental o emprego de maquinaria. Se cada pequeno/a propietario/a ten que comprar un tractor que despois non traballa máis que cen horas ao ano, o seu custe será insoportable. Mais eso, hoxe, tamén ten solución. Pódese alugar a maquinaria cando se necesite e externalizar algúns traballos. Isto non sae moito máis caro. Por certo que esa foi a solución autoxerada polos labregos nos primeiros tempos da mecanización e foron políticas alleas baseadas no interese de vender maquinaria as que impediron que se xeralizara.
.
Por outra banda a división das parcelas pode ser un problema, mais todo depende de como se enfoque. A división en parcelas mesmo é unha das técnicas máis modernas da produción gandeira. O pastoreo rotacional, o método máis científico da práctica do pastoreo, baséase na división en parcelas (son necesarias entre 10 e 20 parcelas por explotación). É certo que se inviste moito tempo no desprazamento dunhas parcelas a outras máis ¿como pode ser este un problema para unha sociedade urbana onde é habitual vivir en Vigo e traballar en Santiago ou vivir en Lugo e traballar na Fonsagrada? Na nosa moderna sociedade milleiros de persoas invisten cada día unha ou dúas horas para desprazarse ao seu posto de traballo. Polo tanto ¿Cómo podemos considerar un problema que os lugares de traballo da explotación minifundista estean a un ou dous quilómetros de distancia?
.
Polo demais, dado o número de parcelas abandonadas na actualidade, moitos destes problemas da multiparcelación, hoxe poderían quedar solucionados sen alterar a estrutura minifundista, coa cesión ou aluguer das terras dos veciños/as (exemplos hainos).
.
Podiamos concluír que o problema de produtividade redúcese só ao feito de que, cos medios actuais, unha persoa pode traballar máis terra da que realmente dispón.
.
Esto é verdade mais, de novo, só parcialmente. A valoración da produtividade faise en función da Producción Final Agraria pero esto é desde o meu punto de vista enganoso. Na PFA só temos en conta os ingresos e non se consideran os gastos. Aínda así, a rendibilidade está na diferenza entre uns e outros. Esta é o que se chama Marxe Bruta (que se transforma en Renda Agraria engadindo no balance as axudas e amortizacións).
.
Analizando a Renda Agraria vemos que as explotacións máis grandes non son necesariamente máis eficientes economicamente. Nos últimos vinte anos a Superficie Agraria Útil media das explotacións en Galiza multiplicouse por tres, pero a renda obtida por Ha mantívose practicamente constante. Ademais nesta renda haberá que ter en conta o autoconsumo a prezos de consumidor/a (algo que nunca se fai). Facendo esta análise vemos que a marxe bruta por Ha no sector minifundista é similar a do sector profesionalizado (oscila entre 80% e o 120% segundo a fonte de información que se utilice).
.
Unidade de traballo
.
A marxe bruta por Unidade de Traballo (UTA) porén é aproximadamente 1,6 veces menor. Non considero que esta diferenza sexa substancial se temos en conta que no sector minifundista tres de cada catro persoas teñen outros ingresos á marxe do sector agrario mentres que no sector profesionalizado esto só ocorre nunha de cada tres persoas. Ademais as persoas de mais de 55 anos son case o dobre en termos porcentuais. En todo caso, pódese constatar que a renda por unidade de traballo só aumentou en 2,5 veces nos últimos vinte anos cando a poboación activa se dividiu por 4.
.
Por outra banda, as canles de comercialización e a valoración do productos do sector minifundista non son as axeitadas. A diferenza de prezos entre produtor e consumidor chega a ser o triple. Se esta marxe se reducira á metade, a renda obtida por unidade de traballo no sector minifundista situaríase practicamente ao mesmo nivel que a do sector profesionalizado.
.
En todo caso, existe un límite para o tamaño das explotacións. A partir de determinado numero de Has ou de determinado numero de vacas, é necesario incorporar outra persoa ao traballo na explotación. Este tamaño varia co tipo de producción e o sistema produtivo, mais superalo non engade maior productividade por unidade de traballo. Segundo a Rede Contable Agraria, nunha explotación hortícola acadase a mesma renda con 1 Ha que nunha explotación de leite con 4 - 5 Has.
.
Para explicar o que quero dicir, vou utilizar os datos do interesante estudio de F. Barbeito e Claudio L.Garrido sobre os resultados do programa de xestión de explotacións leiteiras. As explotacións galegas de leite estudiadas son as mais pequenas da UE (o tamaño do rabaño é un tercio da media europea). Este menor tamaño, segundo os autores leva a unha productividade por hora de traballo menor, se a medimos en valor absoluto (120 Kg/hora traballo fronte á 152 Kg/hora traballo de media na UE). Mais se medimos a renda familiar, a que obteñen as explotacións galegas (medida en euros/Kg producido) duplica a media da UE. Así mesmo a retribución obtida por hora de traballo nas explotacións galegas é tamén 1,25 veces superior. Esto leva aos autores a concluír que os resultados das pequenas explotacións leiteiras galegas poden considerarse, en termos relativos, excelentes.
.
Resumindo, a agricultura minifundista é moi eficiente desde o punto de vista productivo e económico (sen que isto queira dicir que non o poida ser máis). Por iso, desde o meu punto de vista, se tivesemos en conta os beneficios sociais e os custes mediambientais de cada sistema produtivo, o balance seria claramente favorable ao sector minifundista. Só queda buscar o xeito no que a sociedade e os poderes públicos remuneren aquelas achegas que o mercado non valora.
.
Un medio rural vivo
.
Pero aínda nos queda un último argumento a favor do minifundio: a poboación rural. En Galiza, na actualidade, calcúlase que existen pouco máis de 100.000 Unidades de Traballo Agrario e o numero de persoas que practican a agricultura son arredor de 200.000 (dúas terceiras partes fano a tempo parcial). Calquera que dea unha volta polo país pode comprobar que xa son moi poucas. O medio rural necesita máis persoas traballando nel para que estea vivo.
.
Se temos en conta que só existen arredor de 850.000 Has de SAU, e facemos unha sinxela división, veremos que, para manter ou aumentar a poboación rural, a superficie agraria útil por cada unidade de traballo agrario debe andar entre 8 e 4 Has. Un tamaño propio do minifundio. Se elevaramos esta base territorial por exemplo ate o valor medio que ten no sector profesionalizado, só caberían arredor de 50.000 persoas traballando no agro, insuficiente para manter un medio rural vivo. Dito doutro xeito (se queredes provocativo) manter un medio rural vivo implica apostar polo minifundio.
.
Así pois, despois do fracaso da política agraria seguida nos últimos vintecinco anos, é preciso pararse a pensar se aquelo que nos parecía unha rémora do pasado non é, agora, no século XXI, unha grande vantaxe comparativa. Segundo teño entendido, hai anos, alguén planeou tirar a muralla de Lugo para modernizar a cidade. Só razóns “técnicas” o impediron, afortunadamente. Hoxe é o gran valor, mesmo económico, da cidade.
.
¿Xa é o tempo de pensar nunha política que poña en valor o minifundio e nos sitúe á vangarda da agricultura europea no cumprimento das funcións que a sociedade lle pide neste comezo do século XXI? ¿Xa chegou o tempo de pedir á administración e á sociedade, que remunere as achegas sociais que fai a agricultura minifundista e que o mercado non quere ou non pode valorar? ¿E tempo de pensar nunha nova política de comercialización baseada nos mercados locais que reduza marxes entre consumidores/as e productores/as?.
Nenhum comentário:
Postar um comentário