terça-feira, 7 de fevereiro de 2012

A CIG potência a criaçom de cooperativas de trabalho associado como alternativa ao modelo capitalista



Continuando com a temática do post anterior, recolho agora esta notícia da web da CIG.

Neste tempo de crise do modelo socio-económico, de necesidade de implementar alternativas que dean cumprida resposta á creación e vertebración dun novo sistema máis xusto e solidario, a posibilidade das cooperativas de traballo asociado son alternativas reais xa existentes en Galiza que se afastan dos modelos empresariais ao uso. Trátase de iniciativas nas que se deseñan empregos coexistentes con obxectivos da economía social, modelos sustentábeis e respectuosos na convivencia entre iguais e co medio onde se integran.

A CIG, que xa asesorou outras iniciativas de cooperativas, ofrece agora o servizo do Gabinete de Economía Social aos seus afiliados/as. A central nacionalista considera que debe dar este paso novamente, polo que tamén porá os seus locais a disposición dos promotores para que poidan celebrar as reunións de vertebración destas iniciativas cooperativistas. Ao mesmo tempo, e dada a importancia destas iniciativas, a CIG impartirá dentro de todas as accións formativas un módulo informativo sobre cooperativismo e cooperativas de traballo asociado.

As máis diversas correntes do pensamento social, económico e político consideran o cooperativismo como instrumento importante na solución dos problemas económicos e sociais, en canto que pola súa flexibilidade achega respostas diante de necesidades cambiantes da economía e da sociedade. É de xustiza o recoñecemento á presenza do cooperativismo en Galiza, certamente significativa, que se pon de manifesto, entre outros datos, no número de máis de 83.000 socias/os, o que significa a existencia de cooperativistas nun de cada once fogares galegos.

Por outra banda, máis do 2% das ocupadas e ocupados galegos están vinculados ao cooperativismo, cunha contribución cualitativa que se reflicte no maior nivel de estabilidade, de igualdade de xénero e na presenza en actividades vinculadas cos sectores primarios. Ademais, o cooperativismo ofrece valor ao conxunto da economía xa que o seu volume de facturación total achégase aos 2.300 millóns de euros, cun valor engadido bruto total próximo aos 362,1. Por referírmonos ao cooperativismo agrario, é salientábel que ten presenza en 120 concellos, a maior parte dos do medio rural, o que constitúe, sen dúbida, un factor beneficioso para o asentamento da poboación. Amais disto, as cooperativas permiten unha racionalización de custos, a mellor compatibilización da vida profesional e familiar, a formación das socias e dos socios, o acceso a mecanismos de información e presenza nos foros de decisión sectorial que lles afectan.

Por outra parte, estamos diante dunha fórmula de economía social válida como calquera outra das máis usuais, que en moitos casos presenta vantaxes sobre outras modalidades, derivadas da adscrición voluntaria, a comunidade de intereses e a unidade entre as socias e os socios. Isto carrexa un nivel de compromiso coa entidade creada forte en comparación con outro tipo de sociedades. Así, o cooperativismo acredita unha importante capacidade de resistencia ás crises, con comportamentos anticíclicos e de mantemento do emprego en circunstancias adversas. En definitiva, o cooperativismo galego intégrase, para todos os efectos, positivamente no seu contorno natural e ofrece influencias beneficiosas en factores como rendas e emprego, desenvolvemento local, permanencia dos proxectos, formación, educación e benestar.

Nenhum comentário: