Nom é a primeira vez que este blogue se fai eco dum artigo do professor XC Carreira. Como sempre, a sua voz crítica oferece-nos umha visom da realidade agrária galega diferente à percepçom maioritária. Este texto foi publicado originalmente em Praza e é de leitura imprescindível para qualquera que se interesse remotamente pola questom.
A mediados dos anos setenta do pasado século, a palabra de orde
nas mobilizacións agrarias era “nos non somos empresarios, fora a
cota empresarial”, unha reivindicación da condición de labrego
(ou campesiño). Hoxe, un terzo de século mais tarde, parece
que xa non existen os labregos/as, preferimos chamalos/as (e chamarse
a si mesmos/as): gandeiros/as, viticultores/as,...
Evitamos falar da pequena explotación labrega familiar e
minifundista. Só temos en consideración ás explotacións
profesionais porque aquela, centro dos ataques de quen a vía como
exemplo do noso atraso, foi arrombada e pouco a pouco fíxose
invisíbel. Mais aínda existe. A miña intención neste artigo
é contribuír a facer visíbel esta outra agricultura, a das
labregas e labregos resilientes, que semellan non existir aos ollos
da maioría. Tento contribuír a demostrar a importancia tanto
do seu papel social como da súa produción agraria desprezada pola a
maioría dos/as economistas pero fundamental para alimentar á
poboación galega. Non pretendo facelo en contraposición ás
explotacións profesionais (os/as gandeiros/as sobre todo) nin
esquezo a súa importancia, pero estas si son visíbeis… e seria
necesario outro artigo para analizar a situación na que se atopan e
un modelo produtivo con evidentes síntomas de esgotamento.
Como indica o profesor Oliveira Baptista, a pequena explotación
familiar é moi versátil. As persoas que traballan nelas fano por
motivos moi diversos. Para unhas pode ser fundamental o rendemento
económico que poidan obter da explotación mais para outras pode
selo o feito de que lle proporcionan vivenda e alimento. Pero ademais
hai moitas outras razóns para estar interesado/a neste tipo de
explotación agraria: identidade persoal, posibilidade de vivir nun
medio que se coñece e/ou que gusta, expectativa de herdanza, etc.
En Galiza a produción agraria depende, en grande medida, destas
pequenas explotacións familiares, de labregos/as que son
considerados/as marxinais ou ben que non son “profesionais” nin
aparecen nas estatísticas como activos/as agrarios. Unha análise
moi sinxela indícanos que a practica totalidade das persoas que se
dedican á agricultura viven en parroquias con menos de 2000
habitantes (con núcleos de menos de 300). Pero nestas mesmas
parroquias viven preto do sesenta por cento dos/as xubilados/as e
dos/as traballadores da construción de Galiza, case a metade dos/as
da industria e das persoas que se dedican á pesca e a terceira parte
dos/as empregados/as do sector servizos. Como consecuencia, nos
núcleos rurais, as persoas que oficialmente traballan na agricultura
representan pouco máis da quinta parte.
Podiamos
dicir pois que a inmensa maioría das persoas que traballan no sector
agrario viven nos núcleos rurais , pero que a maioría das persoas
que viven nos núcleos rurais non se dedican “oficialmente” á
actividade agraria. Sen embargo non son alleas á mesma. Desde o noso
punto de vista, aínda que estea localizada no medio rural, a
agricultura practicada por estas persoas, se a entendemos en sentido
amplo, ten unhas características especificas que nos permiten
cualificala como o que hoxe en dia se denomina agricultura periurbana
(e/ou urbana), unha agricultura aínda descoñecida tanto a nivel
local como global, a pesares de que é un sector en rápido
crecemento que, segundo a FAO, proporciona alimentos aproximadamente
á cuarta parte da poboación urbana mundial (700-800 millóns de
persoas). Da súa importancia en Galiza pode dar idea o feito de que,
segundo as nosas estimacións, os/as labregos/as a tempo parcial,
achegan aproximadamente a metade da unidades de traballo agrario
(UTAs) a pesares de que semellan non existir nin para as políticas
nin para a opinión pública.
Unha parte importante da produción das labregas e labregos das
pequenas explotacións, uns marxinais outras invisíbeis, ten como
destino o consumo propio (da familia e parentes) ou a venta en
mercados locais. Este tipo de produción en grande medida non se
incorpora á estrutura comercial hoxe dominante. Por esta razón,
desde o punto de vista económico, ou ben simplemente non se valora
ou ben non se fai axeitadamente. Sen embargo outra sinxela análise
das características e destino deste tipo de produción, permítenos
afirmar que é unha produción diversificada que se destina a
alimentar aos galegos/as, en contraposición coas características da
produción das medianas e grandes explotacións profesionais, nas que
habitualmente centramos a nosa atención, que se pode definir como de
monocultivo gandeiro ( fundamentalmente leite) con destino á
exportación.
O balance agroalimentario de Galiza é negativo. Este dato
incuestionábel pódese complementar, segundo as nosas estimacións,
con outro: a agricultura profesional cobre pouco mais da terceira
parte do noso consumo de produtos agrícolas. Sen embargo, si
comparamos os datos da produción das arredor de 20.000 Has de hortas
familiares (para consumo propio e local) e o consumo medio por
habitante, podemos concluír que esta produción ( que non contribúe
ao PIB ) está satisfacendo as necesidades de centos de milleiros de
persoas. Por exemplo a produción de hortalizas para autoconsumo en
Galiza esta entre 100-135 mil toneladas (Xunta de Galiza) e o consumo
per cápita entre 50-70 Kg (Ministerio Agricultura). Así pois esa
produción agraria non contabilizada que non chega as grandes areas
comerciais nin a maioría das tendas podería estar alimentando como
mínimo a un millón e medio de persoas ( mesmo considero que as
estimacións son conservadoras). É dicir, non só á xente que vive
no medio rural senón tamén a unha parte substancial da poboación
vilega e urbana, evitando, deste xeito, que a situación da
Galiza deste o punto de vista da soberanía e/ou a suficiencia
alimentaria chegue a ser catastrófica.
Se alguén se está preguntando como é posible isto, teño que
lembrarlle que, aínda que a relación entre o tamaño das
explotacións agrarias e a produtividade é un vello debate,
hoxe en dia a maioría dos datos evidencian que as explotacións máis
pequenas producen moito máis por unidade de área que as grandes
explotacións. A maior eficiencia da produción agrícola a pequena
escala pódese considerar xeral en todo o mundo e as nosas
estimacións indican queen Galiza tamén se confirma a existencia
dunha relación inversa entre tamaño da explotación e rendemento
económico por Ha.
Algúns autores apuntan que, en todo caso, as grandes explotacións
son mais eficientes por unidade de traballo (para eles o mais
importante) aínda que non o sexan por unidade de superficie. Pola
nosa banda non atopamos unha correlación significativamente positiva
entre tamaño da explotación e rendemento económico por unidade de
traballo para o caso galego, pero isto é o de menos, porque, desde o
noso punto de vista o obxectivo a conseguir non debería ser tanto a
maximización do beneficio individual das explotacións concentrando
o traballo a renda nunhas poucas delas, senón mais ben o maior
numero de postos de traballo (e de explotacións) posíbel cun nivel
de renda digno.
Seguramente que hai moitas persoas ás que lles pode sorprender
que falemos da eficiencia económica das pequenas explotacións
familiares que sempre foron consideradas atrasadas. Sen embargo
compre lembrar que xa son varias as investigacións que cuestionan
este mito demostrando que historicamente a agricultura galega non se
pode cualificar como atrasada, nin moito menos. Como se ten
descrito, tradicionalmente o noso sistema minifundista pretendía,
desde o punto de vista produtivo, optimizar os rendementos dos
cultivos tendo en conta a variabilidade do ecosistema, establecendo
estratexias para usar os insumos necesarios na cantidade requirida,
no sitio adecuado e no momento oportuno. Curiosamente esta é a
definición, mais ou menos textual, para a chamada “agricultura
de precisión”, a mais moderna das agriculturas convencionais, que,
na súa forma actual, apareceu en Estados Unidos nos anos oitenta.
Xa que logo. Non era o minifundio en Galiza unha agricultura de
precisión e afortunadamente aínda o é en certa medida?
Mais a importancia das pequenas explotacións labregas
familiares non se pode reducir á economía xa que cumpren outras
funcións de grande transcendencia para a sociedade. As pequenas
explotacións labregas familiares acollen como mínimo oito de cada
dez persoas que traballan na agricultura e achegan a metade das
unidades de traballo. Podemos estimar que xestionan entre un 65% e
80% da SAU e mesmo entre un 15 % e un 20% da superficie de monte,
incluída a forestal (as explotacións agrarias profesionais por
exemplo a penas xestionan o 2% do monte). As pequenas explotacións
labregas familiares son pois indispensábeis para ocupar e xestionar
o territorio con todo o que isto supón. Pero ademais prestan
importantes servizos ambientais e sociais (conservación da
biodiversidade, do patrimonio material e inmaterial, etc.). En
resumidas contas teñen enormes vantaxes comparativas para encaixar
nos novos paradigmas mundiais que conciben a agricultura do século
XXI como unha actividade que non só debe producir alimentos, fibras
e materia prima para a industria, senón tamén servizos á
sociedade.
Concluíndo pois, non só hai gandeiros/as en Galiza. A pesares de
todo tamén hai labregos/as que resistiron baixos diversas
formas. Esta agricultura invisíbel e desprezada non só segue a
ser unha dos nosos sinais de identidade senón que, hoxe en dia,
ten unha grande importancia económica e social pero, sobre todo,
podería ter mais no futuro desde a perspectiva dos novos paradigmas
agrarios que se abren paso a nivel mundial... si lle prestaramos
un pouco de atención.
Nenhum comentário:
Postar um comentário