sexta-feira, 4 de abril de 2008

Anarquismo e Libertaçom Nacional: Bakunin

No post anterior recolhiamos os argumentos de Castelao para convencer aos anarquistas da legitimidade dos movementos de libertaçom nacional, nomeadamente no caso galego. O nexo de uniom entre o galeguismo de Castelao e a ideologia libertária era basicamente o federalismo. Agora oferecemos um resumo da postura de Bakunin. O texto está traduzido do Ateneo Virtual -"a enciclopédia livre e libertária"-, e é em verdade só a primeira parte. Em breve publicaremos a continuaçom, na que se dará voz a Kropotkin. Pero agora, atentos ao que di o Bakunin porque leva moita razom.
.
Bakunin defendeu sempre a idea de revolución social intimamente ligada á liberación nacional dos pobos sometidos e, moi especialmente, a dos pobos eslavos, oprimidos baixo o xugo dos imperio ruso, austríaco, prusiano e turco. O seu paneslavismo descansaba sobre a destrución dos catro imperios para federar os pobos eslavos de acordo cunha liberdade e igualdade absolutas, oposto á hexemonía rusa. De igual maneira que combateu o paneslavismo ruso e a creación dun Gran Estado eslavo que asoballase ás nacións eslavas, combateu o panxermanismo:
.
«Como eslavo, eu querería a emancipación da raza eslava do xugo alemán, e, como patriota alemán, Marx non admite aínda o dereito dos eslavos a emanciparse do xugo dos alemáns, pensando hoxe como entón que os alemáns son chamados a civilizalos, é dicir, a xermanizalos por aceptación ou por forza» (1871).

CONTINUAR LENDO...


.
Opostas son as posicións respecto á liberación nacional de Bakunin e de Marx e Engels, xa que ambos clásicos marxistas se manifestaron contrarios aos movementos independentistas ou nacionalistas revolucionarios, xa que crían que o movemento revolucionario unicamente podía desenvolverse no marco das relacións económicas de produción do cal soamente a clase obreira podía ser o motor, considerando polo tanto que o desenvolvemento das forzas de produción así como a extensión do intercambio económico —que creaban segundo eles a necesidade histórica do socialismo— destruirían os particularismos locais e nacionais e tenderían a igualar o desenvolvemento social.
.
En efecto, Marx, respondendo a Bakunin, que defendía a independencia dos checos, eslavos, polacos, búlgaros, romaneses, etc., declaraba ao 'Neuu Rheinische Zeitung', en 1849: «Todas estas pequenas nacións impotentes e fráxiles, deben no fin de contas o recoñecemento ás que, segundo as necesidades históricas, as integraron nalgún imperio, permitíndoas así participar no desenvolvemento histórico do cal, se se quedasen soas, se verían totalmente privadas. É evidente que tal cousa non se tería podido realizar sen esmagar «tenros gromos» ( ... ).»
.
Desta maneira, ao contrario que M. Bakunin, K. Marx negaba que as loitas nacionais de oprimidos contra os seus Estados opresores estranxeiros no s. XIX fosen un factor revolucionario anticapitalista emancipador.
.
O mesmo Andreu Nin recoñece o acerto da posición de Bakunin diante da de Marx na cuestión nacional: « ... E a pesar da nosa devoción por Marx e Engels, habemos de confesar que se houbésemos de xulgar polas manifestacións externas, facendo abstracción das circunstancias de tempo e de factores de orde psicolóxico, diriamos que as acusacións de Bakunin contra Marx (na cuestión nacional, refírese) e Engels eran máis xustificadas cás deste contra aquel».
.
Bakunin opón sempre ao nacionalismo estatalista un nacionalismo revolucionario federalista e consagra boa parte da súa vida a liberar patrias oprimidas, como Polonia; del citamos o manifesto que segue:
.
«1.- A orde que reina hoxe en Polonia, baixo o xugo estranxeiro, maniféstase incesantemente, como en todas partes, co despotismo político e económico dunha minoría privilexiada sobre as masas obreiras.

2.- Cualificamos de tiranía a dominación do home polo home. Igualmente non recoñecemos outro poder que a organización social do pobo, por medio dunha libre federación de asociacións obreiras e comunas campesiñas libres. Xa que todo poder, ata o que en aparencia é o máis republicano e o máis democrático, sempre se basea no proveito dunha minoría privilexiada e a escravitude do pobo.
.
3.- A conquista dunha verdadeira Liberdade para o pobo polaco ten como condición necesaria a abolición do réxime actual, tanto no plano político como no económico, o xurídico e o relixioso.
.
4.- Soamente poderemos conseguila mediante un levantamento xeral, por medio da revolución social.
.
5.- A terra pertencerá ás comunas campesiñas na medida que estas sexan capaces de traballala.
.
6.- De igual maneira, as fábricas, as máquinas, os edificios, as ferramentas, até as artesanais, serán propiedade das asociacións obreiras.
.
7.- Adversarios de todo poder estático, non recoñecemos ningunha clase de dereitos históricos ou políticos. Para nós, Polonia só existe alá onde o pobo quere ser polaco e se recoñece como tal: Polonia deixará de existir alá onde este mesmo pobo non desexe máis pertencer á Federación polaca e se adhira libremente a outro grupo nacional.
.
8.- Estendemos unha man fraternal a todos os nosos irmáns, a todos os eslavos que, ao igual que nós, se atopan baixo o xugo do goberno que, como nós, detestan; en particular, os gobernos moscovita, turco e alemán. Estes pobos eslavos teñen plenamente dereito a reivindicar a súa independencia e a súa plenitude nacional.
.
9.- Finalmente, estendemos nosa mesma man fraternal a todos os outros pobos que aspiran á liberdade. Estamos dispostos a facer servir todos os medios que teñamos ao noso alcance para axudalos a conseguir o noso fin común.
Viva a revolución social!
Viva a Comuna Libre!
Viva a Polonia democrática e social!».
.
Igualmente Bakunin defínenos o seu federalismo político no discurso realizado en 1867 no congreso da Liga pola Paz e a Liberdade:
.
«Todo estado centralista, por liberal que queira presentarse e non importa a forma republicana da cal se vista, é necesariamente un opresor, un explotador das masas traballadoras do pobo en beneficio das clases privilexiadas. Necesita un exército para conter estas masas en certos límites, e a existencia deste poder armado lévalle á guerra. Por iso acabo dicindo que a paz internacional é imposible mentres non se acepte o seguinte principio con todas as súas consecuencias: toda nación feble ou forte, pequena ou grande, toda provincia, toda comunidade ten dereito absoluto a ser libre, autónoma de existir, e neste dereito todas as comunidades son solidarias en tal grao que non é posible violar estes principios respecto a unha sala delas, sen poñer simultaneamente en perigo todas as outras».
.
Por outra parte, Bakunin diferenza netamente a Nación do Estado. Para el, a nación vén ser un feito natural, un feito popular. A patria e a nacionalidade son para el como a mesma individualidade, feitos naturais e sociais, fisiolóxicos e históricos.
.
«O Estado non é a patria, é a abstracción, a ficción metafísica, mística, política, xurídica da patria. As masas populares de todos os países aman profundamente á súa patria, pero é este un amar real, natural. Non se trata dunha idea: trátase dun feito. Por iso síntome franca e constantemente o patriota de todas as patrias oprimidas».
.
Para Bakunin, a patria representa o dereito irrebatible e sagrado de todo home, de todos os grupos de homes, asociacións, comunidades, rexións, nacións, de vivir, sentir, pensar e crear e de actuar á súa maneira, sendo esta maneira de vivir e de sentir sempre o irrefutable resultado dun desenvolvemento histórico. Sen embargo, para el a patria e a nacionalidade non son principios, pola sinxela razón de que soamente se pode dar tal nome a aquilo que é universal e común a todos os homes. Así di:
.
«... Non hai nada máis absurdo e á vez prexudicial e funesto para o pobo que soster os falsos principios de nacionalidade como ideal de todas as súas aspiracións. A nacionalidade non é un principio humano universal; é un feito histórico, local, que ao igual que todos os feitos reais e inofensivos, ten o dereito a esixir a aceptación xeral. Todo pobo, por minúsculo que sexa ten o seu propio carácter, o seu modo particular de vivir, de falar, de sentir, de pensar, de actuar, e é nesta idiosincrasia no que consiste a nacionalidade, a cal deriva de toda a vida histórica e da suma total das condicións de vida desta vila».
.
Para Bakunin, o auténtico patriotismo, o nacionalismo lexítimo é aquel que non confunde o amor á patria ou á nación co servizo ao Estado ou subordinación a un goberno, e que non antepón a particularidade propia —aínda que esta sexa natural e valida— á universalidade do humano. Xa que o camiño da liberación nacional non pode separarse da revolución social, nin esta da federación de Comunas e das empresas colectivizadas.

Nenhum comentário: