terça-feira, 22 de abril de 2008

Camilo Nogueira: Galiza, unha nación no mundo



Filosofía e Utopía. Galiza realidade e utopía. Pontevedra. 27 Marzo 2008

Galiza,
UNHA NACIÓN NO MUNDO


As nacións e os Estados

Para alén das circunstancias e motivacións específicas de cada tempo e de cada país, as aspiracións de autogoverno das nacións sen Estado, como as de Galiza, pertencen ao complexo proceso, non pretedeterminado, de configuración dos Estados.

Antes da Revolución Francesa, nun contexto inzado de conflitos bélicos, a delimitación dos Estados e das súas fronteiras se produciu principalmente a través de herdanzas patrimoniais monárquicas ou nobiliarias que afincaban as súas raices na Idade Media. Despois de 1789, tendo tamén as guerras un papel singular, pasaron a primeiro plano as loitas pola soberanía popular e contra a dominación absolutista ou imperial. Foi neste último tempo cando se configuraron a maioría dos actuais Estados europeus.

CONTINUAR LENDO...



A configuración dos Estados responde a decursos diversos. Uns constituen o resultado da independencia de nacións antes integradas en monarquías ou imperios alleos, como Irlanda ou Finlandia. Outros déronlle continuidade a antigas monarquías uninacionais, como Dinamarca ou Portugal. Con un territorio movedizo, como en muitos outros paises, Alemaña é o resultado da unificación de paises de cultura e historia común. O Estado español ou a República francesa formáronse no territorio patrimonial restante ou en crecimento de monarquías patrimoniais a través dun proceso de centralización e uniformación baixo un carácter nacional dominante e negando os demais.

Tendo unha tradición institucional e cultural e unha natureza material, económica, xeográfica ou social semellante á de espazos que deviron en Estados, as aspiracións de nacións europeas como Escocia Gales, Flandes, Cataluña, Euskadi ou Galiza, pertencen ao mesmo proceso histórico. Ainda que en circunstancias diferentes, encóntranse agora nunha situación comparábel á que tiñan Noruega ou Eslovenia antes de conseguir unha institución estatal propria.

Porén, dándolle un un carácter determinista ao territorio dos Estados constituidos, atribuíndolles os valores democráticos e constitucionais e mesmo identificando o republicanismo coa uniformidade, os poderes e a ideoloxía estatal dominantes tenden a identificar as aspiracións das nacións sen Estado, non con unha lexítima vontade democrática, senón co afán de retorno a un pasado étnico ou feudal ou, usando lugares comúns contraditorios, cos intereses xenéricos da burguesía e mesmo coa procura da desigualdade frente á suposta vontade igualitaria dos Estados centralizados e uniformizados. Para ideoloxía dominante, os Estados constituidos son a representación da racionalidade e as outras reivindicacións nacionais a da sen-razón.

En realidade, o problema colocado polas nacións sen Estado non ten nada a ver con esta visión mistificadora. Se no que respeita ao pasado todo pertence a un mesmo proceso histórico, no tocante o futuro as aspiracións a un Estado proprio, como as citadas, teñen un sentido máis obxectivo e determinante:
Se os Estados constituidos contan con elementos institucionais e políticos decisivos e tidos como necesarios para afirmar a súa identidade e para pensar, programar e responsabilizarse do seu porvir, as nacións sen Estado non. A estas sonlle básicamente negados, convertindo en problemáticas a expresión da súa vontade politica, a permanencia do seu carácter lingüístico e cultural e a capacidade para o promover libremente o seu progreso económico e social.

Sirva isto de introito para achegármonos á cuestion nacional galega.

A emerxencia da vontade política nacional de Galiza

A vontade nacional emerxeu en Galiza no século XIX, como praticamente en toda Europa, mais o seu desenvolvimento e o seu resultado estivo condicionado por circunstancias específicas que viñan de atrás.

No albor da Idade Moderna o Reino de Galiza contaba con procesos evolutivos e realidades -institucionais, eclesiásticos, económicos, culturais, linguísticos- semellantes aos que estaban a fundamentar as estruturas nacentes dos Estados. Gozara na Idade Media de experiencias históricas similares ás de paises que avanzaban no camiño da estatalidade ou conservaban instituicións que chegado o momento, séculos despois, contribuirían a reivindicar e conseguir un Estado proprio. Mais sendo ainda un Reino autónomo e estando aberta a posibiidade de afirmar ese carácter, no conflito motivado pola sucesión de Henrique IV Trastamara, que incluiu a Castela, á coroa portuguesa e á catalano-aragonesa, sendo ilexitimamente destronada a raiña Xoana, Galiza levou a pior parte. Ficou integrada na monarquía allea dos Reis Católicos no mesmo momento en que se confirmou o arredamento a respeito de Portugal, eran expulsados os xudeus, tomado o Reino de Granada e estabelecida a Inquisición. As clases dirixentes, a nobreza e a xerarquía eclesiástica foron submetidas primeiro no sistema monárquico dominado por Castela, e despois no imperial dos Habsburgo, para acabar no rexime dos Borbon franceses. Mais non foron desposuidas do seu patrimonio territorial. A xerarquía eclesiástica foi ademais totalmente castelanizada. Aqueles acontecimentos condicionaron por séculos o desenvolvimento da sociedade galega.

Logo das formulacións e reivindicacións económicas, culturais e históricas dos ilustrados galegos do XVIII, hoube que agardar ao momento da Revolución Francesa e á primavera das nacións do século XIX para o movimento nacional galego emerxer. Tendo un comezo temperán, tardou décadas en contar con forzas políticas organizadas. Por muito que as reivindicacións socio-económicas e lingüístico-culturais formaran parte das súas propostas, non contou no XIX co apoio de clases burguesas e traballadoras que contasen coa forza necesaria, nen Galiza dispuña, a diferenza do ocorrido noutras nacións europeas, de institucións representativas relixiosas, nobiliarias ou cívicas que asumisen esas reivindicacións e pretendesen un Estado-nación proprio. Ainda que fundamentado tamén en reivindicacións globais o movimento nacional galego tivo, por iso, unha base social intelectual.

A súa evolución dependeu dos avatares da monarquía española. Durante o século XIX e parte do XX no Estado español dominaron forzas políticas clientelares ligadas ao poder monárquico que habían de turnarse no governo, obstaculizando o nacimento e o desenvolvimento das forzas alternativas da periferia e en xeral a expresión política das clases sociais emerxentes. En realidade, as únicas forzas organizadas en todo o territorio eran o Exército e a Igrexa católica. Con resultados eleitorais determinados polo poder real, o rexime monárquico-caciquil constituía un obstáculo formidábel para todo intento de criar forzas políticas proprias en Galiza e nas demais nacións periféricas. O sistema impedía igualmente a participación de partidos republicanos ou republicano-federais.

Despois do Sexenio Democrático (1868-1874) a monarquía da Restauración non foi quen de incorporar ás forzas republicanas e sindicais. A Ditadura de Primo de Rivera e de Afonso XIII constituiu a manifestacion do fracaso daquel rexime monárquico, e a súa queda o anuncio da II República. O golpe militar e fascista dirixido por Franco contra a República foi a tráxica confirmación dun desastre que principiara coa volta do absolutismo e a represión protagonizados desde 1814 polo rei Fernando VII, antes desexado polos deputados de Cádiz.

Coa Constituición e a democracia déuse un primeiro paso na aceitación polos poderes estatais da diversidade nacional peninsular. Porén, non supuxo a asunción do carácter plurinacional do Estado. O pensamento oficial dominante afastouse dos elementos reacionarios do tempo do franquismo, mais non abandonou a idea dunha nación española alicerzada na idea mítica e dominante de Castela e incorporou a confusión argumentativa tópica en contra das aspiracións da nacións sen Estado, pretendendo enfrentalas co constitucionalismo e mesmo coa legalidade e o proxecto da Unión Europea.

Nese contexto global, foi apenas nos raros momentos democráticos da historia estatal cando o movimento nacional galego pudo expresarse a través de organizacións políticas co obxectivo de asumir o poder. Na II República o Partido Galeguista, loitou por un Estatuto de nación nunha República Federal e resultou básico na aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936. No exilio, Castelao, co Consello de Galiza, mantivo en alto a reivindicación do autogoverno de Galiza como nación nunha República Federal, confederada con Portugal e apoiou os esforzos que se realizaban despois da Segunda Guerra Mundial a prol da criazón dunha Unión Europea allea ao dominio dos blocos nacentes arredor dos EEUU e Rusia.

Morto Castelao en 1950 e abandonada por parte do galeguismo do interior a idea da existencia de partidos nacionais proprios, nos anos sesenta emerxeu de novo o nacionalismo político a prol da autodeterminación, con novas organizacións e grupos, políticos, culturais e sindicais.

Desde 1981, e como ocorreu na II República, a existencia dun marco político democrático, ademais da autonomía, ainda que restrinxida, favoreceu a expansión do movimento nacional galego.

Frente á vontade estatal de mantela e subordinala como parte dunha nación española, non está ainda consolidada a idea de Galiza como nación en sí mesma, como nación no mundo. Tampouco o movimento nacional galego ten plenamente asumidos, actuando en consecuencia, elementos diferenciais e valores da sociedade galega que resultan fundamentais para impulsionar a autodeterminación.

Quero salientar algúns especialmente determinantes: a memoria histórica, contraditoria coa oficial española; a capacidade económica para sustentar unha institución estatal; o carácter nacional e universal da lingua propria; o significado politico da pertenza á Unión Europea. E, nese marco, o efecto do esvaimento das fronteiras na relación galaico-portuguesa.

A memoria histórica

Se o futuro se construe sobre a memoria do pasado, a realización da vontade política de Galiza como nación entra en contradición coa concepción dun Estado español identificado con España como unha nación única determinada desde un tempo imemorial. Frente a esa concepción castiza érguese unha realidade histórica que fundamenta a aspiración galega e resulta necesaria para compreender o pasado común.

Configurando a súa fasquía no decurso dos acontecimentos que definiron a identidade europea e mudando a dimensión do seu territorio como consecuencia das disputas e contradicións na formación dos reinos e dos Estados peninsulares, Galiza existe institucionalmente co mesmo nome desde hai 2000 anos.

Contando a extensa Gallaecia con personalidade institucional e política propria, a súa relación con Roma non dependeu de calquer institución da Hispania. Na queda do Imperio Romano os xermanos que arribaron no principio do século V foron os suevos, e non os godos. O Reino galaico-suevo foi o primeiro reino independente entre os xurdidos dentro do territorio do Imperio. A primeira metrópole cristiá galega foi Braga, non Toledo. A segunda foi Santiago de Compostela, chegando a ter un carácter universal xunto con Roma e Xerusalén. O reino medieval galaico, nunca islamizado e abranxendo o groso do cuadrante Nororeste da Península, foi a referencia europea ante o Reino de Al Andalus, implantado no territorio que fora do reino godo. Galiza constituiu a orixe, o corazón e o poder central do Imperio cristián que tiña como capitais a Compostela e León (“civitate vocatur Legione, in Gallaecia”: “a cidade chamada León en Galiza”). Independente durante sete séculos, sen o reino galaico resulta imposíbel explicar as monarquías medievais peninsulares.

Está arreigada a idea de que Europa, tal como hoxe existe territorialmente, ten como unha das súas orixes no Camiño cara o Ocidente galaico[1].

Foi o Reino de Galiza o que impulsionou o avance dos reinos cristiáns cara o Sur da Península. O reino que deu lugar a Portugal desde 1143 –nun afastamento que non se consumou até 1400 coa Guerra dos Cen Anos e a o Cisma de Occidente- e tamén institucionalmente a Castela como reino en 1157. Compostela foi o berce da cultura medieval, expresada en galego na maior parte da Península. Dinastías de orixe galega governaron os reinos peninsulares centro-ocidentais na Baixa Idade Media e no século XV cos Trastamara tamén o catalano-aragonés.


Falar de Galiza como parte do reino ou da coroa de Castela, como se adoita facer desde a historiografía oficial española e como se remeda habitualmente e de xeito acrítico polos cultivadores académicos da historiografía galega, constitui, por todo iso, un interesado sen-sentido.

A idea oficial de España como “unha grande nación desde hai quiñentos anos” quere ignorar que cos Habsburgo e os Borbon os reinos peninsulares viviron baixo a mesma coroa con paises que hoxe configuran unha boa parte dos Estados europeus e americanos. O suposto nacimento en Cadiz en 1812 da idea nacional e constitucional española contemporánea, esquece que ese momento foi sepultado polo absolutismo reinstaurado por un rei cruel e nefasto, dando paso a dous séculos de predominio dunha monarquía caciquil e de dúas Ditaduras no século XX, con só breves momentos democráticos nas dúas Repúblicas, até chegar á Constituición de 1978.

Galiza careceu durante séculos de institucións políticas e económicas que mirasen polos intereses do país. Ainda así, a súa personalidade permaneceu. Móstrano a resistencia singular da cultura económica agraria, a vida mariñeira e a artesá, a riqueza criativa na arquitetura monumental tanto civil como relixiosa, exemplar en Europa, a conservación da lingua propria pola prática totalidade da povoación. Incluso a súa demografía durante a Idade Moderna: no final do século XVIII era un dos paises máis povoados entre os da Península. Cataluña tiña a metade da populación de Galiza.

Xa no século XIX, as determinacións dun Poder alleo sobre a agricultura e os foros, a industria artesanal, o comercio exterior ou as vias de comunicación impediron que a sociedade galega se somase á primeira industrialización, tendo que transcorrer todo o século XX, coa consecuencia de millóns de emigrantes e unha grave crise demográfica, para chegar a desenvolver unha estrutura industrial e urbana potencialmente á altura da dos paises máis avanzados de Europa.

Unha economía capaz e aberta

O pensamento dominante no Estado español sempre considerou a Galiza como un país excéntrico e necesariamente atrasado, sen ter en conta a súa privilexiada situación na fachada atlántica europea, nen a riqueza dos seus recursos naturais ou a adecuación das actividades económicas tradicionais ás necesidades da xente. No mesmo sentido, contra as aspiracións de autogoverno nacional adúcese ainda hoxe a incapacidade económica e financiera de Galiza para manter por sí mesma un sistema político e institucional proprio.

Frente esa posición hoxe nen siquer é necesario recorrer ao argumento certo, de que o relativo atraso da economía galega respondeu á ausencia de instituicións políticas e económicas nacionais e á marxinación por parte do Estado español. Chega con relatar o carácter presente da súa economía á luz do sucedido en canto Galiza respirou dentro dun sistema democrático e, en especial, nas décadas de presenza na Unión Europea.

Malia que a súa condición nacional e os seus intereses non foran considerados nen polo Governo do Estado español, nen polo Governo autónomo, pasados vinte anos da entrada na CE a economía galega experimentou unha fonda transformación. As condicións da entrada -particularmente nos sectores agrario e pesqueiro, na construción naval e nas vías de comunicación-, foran negativas. Logo, nen as políticas económicas e de infraestruturas praticadas polo Governo do Estado responderon aos intereses estratéxicos de Galiza nen, en concreto, a aplicación do Orzamento estatal ou dos recursos da Política de Coesión da CE tiveron os efectos redistribuidores que precisaba a sociedade galega. Alén diso, a Xunta fixo un mao uso do Orzamento da Comunidade Autónoma que chegara a atinxir un nível equivalente ao 22% do Produto Interior Bruto do país. (O Orzamento autonómico para o ano 2008, 11.556 millóns de euros, non fica lonxe da cuarta parte do PIB de Galiza.)

Porén, como consecuencia do esforzo extrordinario e a intelixencia da xente, a sociedade agraria do século XIX e dos primeiros dous terzos do XX transformouse na urbana e de dominancia industrial de principios do XXI. Leva dentro ainda, principalmente na demografía, as feridas causadas pola marxinación e dependencia política e económica e a emigración masiva, mais constitui un corpo social novo, máis capacitado obxectivamente para a autodeterminación.

A transcendencia da mudanza que se produciu fica evidenciada ao considerar a ocupación nos sectores económicos básicos ao principio e ao final do período. No momento da entrada Galiza tiña un carácter preponderantemente rural, representando os 431.900 ocupados na agricultura e na pesca o 41% dos 1.042.000 da ocupación total. Vinte anos despois eran 121.000, non pasando do 10,7% dun conxunto de 1.130. 000 ocupados, representando os estritamente agrarios o 8,1% dos da economía galega. A porcentaxe de povoación ocupada no sector primario baixara tanto nos primeiros vinte anos de pertenza á CE como nos primeiros oitenta e cinco do século XX.

A industria pasou de 159.000 ocupados (15,3%) en 1986 a 217.000 (19,2%) en 2005. O notábel significado desta cifra ponse de relevo se se considera que nese ultimo ano a porcentaxe estatal na industria, o 18,9%, situábase por debaixo da galega.

Se en apenas dúas décadas o sector primario perdera 311.000 empregos, os demais sectores -a industria, a construcción e os servizos- incorporaran 400.200.

Demonstrando a potencialidade da sociedade galega, o sector industrial creceu no seu conxunto e tornouse máis diverso. En 2006 tiña o duplo dos activos do sector agrario.

Galiza conta con multiples ramas económicas que lideran ás correspondentes no Estado. É así na industria do automóbil, a construción naval, a enerxía eléctrica, a confeción, a produción lactea, a pesca e a conserva de peixe, a produción de a aluminio ou as da madeira, granito e a lousa. Dispón de empresas relevantes nas telecomunicacións e na industria farmacéutica e noutros e diversos sectores industriais. Despois de vinte anos a economía galega é máis aberta e máis capaz de estar presente no exterior. Contribuindo co 8,4% ao conxunto das exportacións do Estado.

Non resultaría fácil encontrar en Europa un país que contando cunha renda por habitante semellante -resultado ainda da experiencia de décadas ou séculos de marxinación- dispoña dunha base industrial tan diversa como a galega.

Esta visión global non debe ocultar a realidade significativa e mesmo determinante do diferente comportamento da empresas ou grupos empresariais. Medraron e diversificáronse os grupos, empresas e sectores empresariais autóctonos, sabendo situarse no contexto europeu e internacional. As empresas públicas do Estado ou as dependentes de grupos privados estatais non fixeron outra cousa máis que aproveitárense das avantaxes estratégicas ou dos recursos naturais galegos, comportándose como industrias de enclave. Foi diferente a evolución de determinadas empresas multinacionais que tiveron un singular desenvolvimento.

Neste contexto, o desemprego (7,57%, dados de meados de 2007) diminuiu até o ponto de porse nun nível similar ás medias estatal (7,95%) e comunitaria (7%). Se a finais de 1985 a renda por habitante estaba en 57,2% da media da CE, agora, considerando a UE de 27 Estados, non esta lonxe do 90% da media europea. Non existen razóns para negar a posibilidade de atinxir axiña esa media. Despois de todo, hai vinte anos Irlanda estaba como Galiza e hoxe ten a renda máis alta da Unión, se se exceptúa o caso especial -unha cidade-Estado- de Luxemburgo.

(Naturalmente, para facer disto unha realidade, e sen perxuizo da coordenación precisa, tanto no Estado español como na UE, as institucións galegas deben contar con plenas competencias económicas e sociais, e particularmente a fiscal -impostos de sociedades, sobre a renda, sobre o comercio e o consumo…- sobre todas as actividades realizadas en territorio galego: Galiza está economicamente capacitada para asumir fiscalmente o seu autogoverno. Isto conlevaría en última instancia unha reforma que afectaría ás estruturas financeiras do Estado: hoxe, producindo só o 17% do PIB estatal, Madrid absorbe praticamente a metade (45%) da recadación total).

O carácter nacional e universal do galego

Na definición nacional, como carácter cultural e elemento sustentador dunha vontade política específica, a língua propria resulta fundamental. Galiza partíllaa, ademais, con Portugal, Brasil e Estados de tres océanos e continentes, sendo unha das tres máis estendidas do mundo, entre as intercontinentais. Dificilmente se pode achar unha realidade máis evidente da diferenza galega no Estado español que a do galego-portugués, unha lingua universal que tan represiva como absurdamente a Constitución estatal non recoñece como lingua nacional, tratandoa unicamente como unha das minoritarias do Estado e tendo na propria Galiza un status xurídico inferior e subordinado ao do castelán.
O futuro de Galiza como nación exixe que o galego teña en Galiza o carácter de lingua dun Estado, sen depender o seu carácter xurídico legal, nen o seu uso, de calquer determinación do Poder madrileño. Se a nación galega ha de estar integrada nun Estado plurinacional, o galego ten que ser tamén unha das línguas oficiais do Estado, como ocorre, poñamos por caso, coas diferentes linguas da Confederación Helvética.

A través do galego-portugués a língua galega ten a posibilidade certa de ser plenamente recoñecida como oficial da UE, sen que exista nengunha pexa especial que lle impedir conservar o seu carácter léxico, fonético e morfolóxico como tal. Foi xa utilizada regularmente e durante toda unha lexislatura nas intervencións orais do Parlamento Europeu, sendo traducida nos debates, simultáneamente e sen problemas, ás outras línguas oficiais da Unión[2].

Neste contexto, resulta insólito que, tendo Galiza unha língua que nacida no seu seo e falada por 220 millóns de persoas, as instituicións políticas e culturais que teñen a responsabilidade de fixar a norma oficial galega teimen en facer do galego unha lingua arredada, en especial cando a converxencia coa norma universal do galego-portugués non violenta en absoluto o carácter diferencial do galego. Só un distanciamento resultado da interiorización da ideoloxía do Estado español pode explicar a negación ou o menosprezo en Galiza dunha realidade de tal valor.

Galiza na Unión Europea

A sociedade e as aspiracions nacionais galegas non se poden interpretar sen considerar a súa pertenza á Unión Europea, entendida esta como unha revolución histórica, política, económica, social e cultural. A Unión muda radicalmente o carácter dos Estados que integran. Cría un novo espazo político e institucional proprio para todos os cidadáns da Unión. Onde reinaba a soberanía absoluta emerxe a partillada. Nela esváense as fronteiras que constituiron a realidade e o símbolo dos poderes estatais. Anula os enfrentamentos históricos das monarquías e os Estados. Superando a uniformización e a centralización propria dos Estados chovinistas ou xacobinos, na Unión emerxe a diversidade nacional e cultural. O Parlamento Europeu, elexido directamente polos cidadáns e cidadás, lexislando para todos nun campo de competencias crecente, constitui o símbolo dunha realidade democráticamente revolucionaria.

A Unión contribui tamén a ampliar o significado de conceitos claves como a autodeterminación, non só na medida en que a consecución da independencia dunha nación interna -legalmente posíbel ainda que hoxe sería necesaria a aceitación unánime dos Estados membros- posa traducirse nunha nova forma de estar presente na Unión, senón tamén porque, arrequecendo ese principio e tendendo a romper un tabú histórico, recoñece o direito dos Estados membros a sairen da UE e o de integrárense de novo de contaren cos requisitos democráticos exixidos a calquer outro Estado.

Para alén das circunstancias da entrada na CE en 1986, a economía galega encontrou nela o lugar dunha expansión singular: un espazo común que hoxe une a perto de 500 millóns de persoas.

A compreensión desta complexidade, no marco histórico da mundialización, permite enxergar para Galiza un novo campo de luita política máis ambicioso que o do espazo fechado do Estado español, na consciencia de que na Unión todo progreso na emancipación nacional, na formulación dun Estado plurinacional e mesmo na conquista dun Estado proprio, non supón xa un arredamento, senón unha integración sen fronteiras nunha morada común.

O feito de a diversidade recoñecida institucionalmente na Unión non incluir ainda expresamente ás nacións sen Estado non pode servir para desprezar o valor transcendente do seu carácter como unha nova forma de estruturación do poder e das relacións políticas en Europa. De facto, fortalecendo as instituicions comúns e esvaindo as fronteiras estatais, a UE cria un campo de xogo político máis favorábel para nacións como a galega.

Neste contexto, carréganse de razón as voces que procurando a emancipación se interrogan democraticamente sobre a razón última de que na UE se aceiten, lexitimamente, os direitos nacionais de Luxemburgo, Malta ou Chipre, Letonia, Eslovenia ou Eslovaquia, entanto que se negan os de Galiza, Euskadi ou Cataluña e as demais nacións sen Estado.

Sendo a primeira potencia económica mundial, e baseando a súa presenza no mundo no seu carácter de potencia civil, fundamentada no diálogo interno e externo, lonxe xa de toda tentación militarista, a Unión favorece a presenza internacional pola paz e a solidariedade dos Estados e as nacións que a configuran.

A entrada na CE instituida en 1957 resultaba congruente coas posicións históricas do movimento nacional galego. Foron europeistas desde Antolín Faraldo e Manuel Murguía, ás Irmandades da Fala e o Partido Galeguista como organizacións, Valentín Paz Andrade, Plácido Castro, Antón Villar Ponte, Ramón Otero Pedrayo e, especialmente, Daniel Rodríguez Castelao nos momentos críticos dos anos coarenta da posguerra. Mais esa tradición común foi rompida cando, coincidindo coa Guerra Fría, nos anos sesenta emerxeron en Galiza dúas correntes nacionalistas básicas que, tendo un pensamento diferente sobre esas circunstancias e tamén sobre o estado da sociedade galega e o proceso de emancipación nacional e social, diverxeron tamén sobre a cuestión da unidade europea, unha enfrontada e outra criticamente a favor, expresando contradicións ainda non resoltas[3].

A Galiza convenlle a presenza na UE. Será tanto máis nación canto máis sexa recoñecida como tal na Unión. (De pertencer á UE como un Estado, Galiza estaría presente nas institucións comúns. No Parlamento Europeu contaría entón con unha representación propria formada por 10 deputados e deputadas[4]).

Mais está realidade fica ainda escurecida tanto pola acción das instituicións do Estado español, que como boa parte dos demais, difunde a ilusión de que conserva unha soberanía absoluta, como pola ideoloxía dominante no movimento nacional galego organizado, que mantén formalmente e sen alternativa teórica ou prática as posicións tomadas en circunstancias sobrepasadas.

O esvaimento da fronteira galaico-portuguesa

En todo o caso, a presenza común na CE e a desaparición consecuente dunha fronteira tan absurda e mancadora como a do Miño e a Raia Seca, serviu para potenciar as relacións galaico-portuguesas. Esvaida a fronteira estatal que separou a dous paises da mesma cultura e raíz, a relación entre Galiza e Portugal evidencia a continuidade xeográfica e lingüística que os define, cria un marco singular para as relacións políticas e institucionais e está a facer medrar de xeito extraordinario os fluxos económicos e sociais entre os dous paises.

A pertenza común á Unión Europea fixo subir á tona o territorio conxunto como un espazo supraestatal que, con 13,4 millóns de habitantes constitui un singular continuo urbano e rural, da Ribadeo a Sagres, tendo unha dimensión demográfica superior tanto á do corredor do Ebro que une o Pais Vasco, Navarra, La Rioja, Aragón e Cataluña, como á do Mediterráneo peninsular, que compreende a Cataluña, o País Valenciano, Murcia e ainda unha parte de Andalucía. A presenza dos dous paises do Oeste atlántico na Unión está a pór isto en primeiro plano, mesmo contra a tendencia estratéxica do Estado español a ignorar unha realidade como esta, que o perturba. Para Galiza a relación con Portugal ten tanta senón máis importancia que as que se manteñan con outras zonas do Estado español.

O encontro entre Galiza e Portugal favorece igualmente unha visión alternativa do desenvolvimento económico e social galego frente á estratexia de un Estado español concibido como un país mediterráneo e concentrando en Madrid o poder político e económico.
Con esa relación, e frente á ideoloxía do Estado español, Galiza pode expresar mellor o carácter de nación e a súa realidade internacional, en especial a través da identidade lingüística que a diferencia, xunto con Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Cabo Verde, Guinea Bissau, Timor Leste.

Pensar o futuro

As circunstancias deste tempo e o estado da sociedade galega ofrecen, pois, unha mellor ocasión para pensar outro futuro: para Galiza empreender a senda que conduce a súa plena constitución como nación política, superando a condición de ser apenas unha provincia española. Non é esta unha decisión que se refera, unicamente a aspectos simbólicos ou institucionais. Ser provincia supón subordinar a propria personalidade á estatal dominante, estar presente no mundo só a través do Estado español do seu poder e a súa cultura, aceitar unha historia oficial que nega a propria, dar por boa a consideración ideolóxica de o galego ser unha língua minoritaria, procurar o respeito e a axuda desde a capital estatal, Madrid, como a vía de solución aos problemas, adoptar como propria a idea extraña de Galiza estar situada no cú do mundo. Ser nación é asumir a responsabilidade de valerse económicamente, ser quén de promover un desenvolvimento autocentrado, recoñecer a língua galega como nacional e universal, contar con un autogoverno resultado da autodeterminación, por muito que isto sexa o produto dun pacto histórico que teña en conta a realidade plurinacional da convivencia na Península e en Europa, valorar a riqueza das condicións xeográficas e climáticas galegas, escreber a propria historia sen as mediatizacións do poder e da ideoloxía española. Ser nación é pensar o mundo, ser do mundo, solidariamente e contra o militarismo, desde a propria terra e en dialéctica coas circunstancias de cada tempo.

Non parece que o movimento nacional galego organizado políticamente avance hoxe na boa direción. A corrente dominante abandonou de facto unha perspectiva hexemónica como camiño da construción nacional e a transformación social, tendendo a reducir a súa función en Galiza e no Estado a unha influencia condicionante dun poder de Madrid que non é posto, basicamente, en causa. Paralisada pola teoría da frente nacional popular, non dispón tampouco dun pensamento que abra perspectivas para a existencia dunha pluralidade de organizacións políticas, da esquerda e da direita, que asuman plenamente a construción nacional de Galiza.

Sofrendo nun primeiro momento as consecuencias de visións diferentes sobre o que facer na transición á democracia e a respeito do Estatuto de Autonomía, ainda que con dificuldades e crises o nacionalismo galego medrou admirabelmente no seu conxunto, chegando en 1997 e 2001 a superar eleitoralmente á esquerda de ámbito estatal, aparecendo daquela como alternativa frente á direita conservadora. Padeceu despois un duro retroceso social e eleitoral a causa dunha crise interna, alimentada a maioría interna por unha visión non adecuada sobre as circunstancias políticas, económicas e sociais da Galiza deste tempo. Agora non é quén de recoller a pluralidade de manifestacións sociais, culturais e económicas que situándose na perspectiva de Galiza como nación inzan a sociedade galega. Estancouse nunha posición política subordinada cando, paradoxalmente, a sociedade galega está mais preparada que nunca para avanzar na construción nacional.

Será necesario pensar de novo o camiño a percorrer. Sempre como nación no mundo.

[1] A imensa e frondosa arbore do Camiño coa raiz en Compostela, abranxía o espazo que vai desde a Illas Británicas a Escandinavia, Franza, Alemaña, Italia, os paises eslavos ou Rusia (acabo de ver unha representación da arbore no mosteiro que foi da Orde de Santiago en Uclés, en Cuenca), mais pasando pola faixa norte da Península, carecía de polas no centro e no sur, se se exceptuan o camiño portugués e outras dúas raras vías desde o Sur e o Mediteráneo.

[2] Dito isto, é preciso insistir en que o acordo necesario sobre a identidade do galego e o portugués non ten que producirse por causa de calquer inviabilidade do galego por sí mesmo como língua nacional, como tampouco ocorre en Estados de dimensión demográfica semellante á galega como Dinamarca, Noruega, Eslovenia ou Letonia, ou en nacións sen Estado como Cataluña ou Euskadi.
[3] Unha corrente, concebendo a estruturación interna do nacionalismo galego como a propria dun movimento de liberación nacional dunha colonia, situando a criazón da Comunidade desde a dicotomía imperialismo-antiimperialismo e tendo daquela á URSS como referencia, tomou unha posición de principio contraria á CE. A outra corrente nacionalista, participando das posicións da esquerda superadoras da división do primeiro terzo do século XX entre socialistas e comunistas e dándolle á CE un sentido político e histórico que transcendía á circunstancia da Guerra Fría, formulaba propostas de construción do socialismo desde a hexemonía democrática, defendía a autodeterminación e mesmo a estruturación dun Estado independente pola vía do progresivo autogoverno, considerando o espazo político potenciado pola Comunidade como un lugar proprio de avance político, económico e social.
[4] De acordo coas previsións derivadas do Tratado de Lisboa, Letonia con 2,5 millóns de habitantes terá 9 membros do Parlamento e Lituania con 3,5 millóns de habitantes contará con 12.

Nenhum comentário: