terça-feira, 25 de novembro de 2008

O Encontro Irmandinho, sobre a crise

.
(tirado da web do Encontro Irmandinho)
.

Na reunión do Consello Nacional do BNG do 7-11-2008 o Encontro Irmandiño presentou unha proposta alternativa ao documento sobre a crise económica. A proposta da maioría da Executiva obviaba a etioloxía desta crise, cuestionaba moi debilmente as políticas de rescate do sistema financeiro e non aportaba propostas políticas para o ámbito europeo e estatal. A boa nova é que se acordou encargar a Executiva facer unha síntese entre ambas propostas.


Emenda do Encontro Irmandiño:


A CRISE ECONÓMICA E ALTERNATIVAS DO BNG


1. A crise do Modelo Neoliberal. Sentar a base dun novo modelo.

As políticas económicas ultraliberais preconizaron sempre a desregulación financiera e laboral. Apostaron polo déficit cero, as reducións do gasto social e as reformas fiscais para adelgazar ao Estado. Asegurouse que estender o mercado libre do control público a todos os ámbitos da vida social levaría a unha economía máis estable e competitiva. A realidade que hoxe padecemos é a demostración do fracaso estrepitoso deste tipo de políticas.

As políticas ultraliberais son o resultado dun sistema económico dominado polo capital financeiro cada vez máis desconectada da economía real e das necesidades dos pobos e das clases populares e da pequena e mediana empresa, e como analizabamos na tese da IX AN do BNG, significan a liquidación do estado de benestar, a sustitución do estado social polo estado penal.

A especulación co prezo das materias primas e dos alimentos é a expresión máis pura dun modelo insustentábel que a diferenza das dúas crises financeiras anteriores, estrangula á economía produtiva. Por iso a crise que atravesamos non é unha crise cíclica máis: é a crise do neoliberalismo económico que guiou a política seguida ou soportada pola maior parte dos gobernos nos últimos decenios.

LER MAIS...


A situación que estamos a vivir hoxendía contradí abertamente as teses do fundamentalismo de mercado e da tan loubada independencia da xestión da política monetaria que non era outra cousa que furtar ao control democrático, ferramentas esenciais de política económica. Así se construíu a Europa de Mastrich e así o analizou o BNG hai máis de tres lustros.

Agora, cando a crise demostra que os prezos non se poden alonxar do valor ad infinitum,- xa o dicía Carlos Marx - o capital financeiro que non fixo outra cousa que fabricar diñeiro bancario e activos económicos a cada volta máis imaxinativos, cando a burbulla estoura e os enfronta á bancarrota e a consecuente perda do poder, acoden aos poderes públicos que dende Bush a Zapatero, xustificándose en que hai que salvar o sistema financeiro para salvar a economía de todos, dispoñen para o seu auxilio, sumas astronómicas cuxa magnitude é dificil de percibir a primeira vista. So o Estado Español, cos 50.000 millóns de € xa anunciados, está a aportar a bancos e caixas case o quíntuplo da inversión do estado en inversións reais para o ano 2009.

E non queda aí a cousa, porque o estado convertese en garante dos préstamos entre entidades financeiras a partires de agora.

Mesmo o BCE que até agora funcionaba coma un autómata encargado de conter a inflación independentemente das consecuencias na economía real porque era o mercado o que tiña que realizar os axustes e resolver todo, suspende as subastas de prestamos e substitúea dende o pasado día 15 de outubro, por créditos ilimitados ao tipo fixado, primeiro ao 3,75 e agora ao 3,25 por cento. Pero para a economía real a referencia é outra o Euribor, mercado interbancario que todos afirman que xa non existe pero que casualmente lles serve para fixar un xuro de referencia un 44,6% maior, en beneficio dos financeiros.

Compre, xa que logo, recobrar o control das políticas económicas para a cidadanía nos diferentes ámbitos, rescatando o poder das mans dos usurpadores disfrazados de técnicos.
  1. Por difícil que sexa, por imposíbel que pareza non hai outro camiño que democratizar o poder mundial, FMI, Banco Mundial e a ONU. É imprescindíbel e urxente a regulación e control das transaccións especulativas financeiras internacionais con freos como a Taxa Tobin.

  2. Por difícil que sexa a construción da Europa dos Pobos e cidadáns non podemos renunciar e temos que aproveitar a crise para facer pedagoxía e reclamar o control das institucións democráticas sobre do BCE.

  3. Por difícil que sexa temos que esixir do Goberno Español que faga uso da banca pública lle queda, ICO, para poñela ao servizo da economía produtiva, e as entidades financeiras que non se sosteñan que se nacionalicen xa que todas e todos imos pagar a desfeita.
Só a misión reguladora e estabilizadora do sector público na actividade económica pode sentar as bases dun modelo de desenvolvemento máis xusto, máis democrático e máis sustentábel.

Actuacións sobre da economía produtiva para protexela no posíbel da crise financeira:
  1. Para recuperar a demanda interna, esixir do Goberno do Estado que se referencien os préstamos ao xuro do BCE en substitución do Euribor do mesmo xeito que noutro momento se cambiou a este dende o Mibor.

  2. Dotar á Xunta de Galiza de auténticas institucións financeiras e de desenvolvemento económico criando o Instituto de Desenvolvemento de Galiza de acordo coas propostas programáticas e proposicións de lei presentadas reiteradamente polo BNG.
    A creación dunha banca pública galega que comece por xestionar as finanzas e Tesourería da Comunidade Autónoma e a creación dun IDG que promova as actividades produtivas con participación directa no capital social das empresas, son propostas do nacionalismo as que o PSOE tería moi difícil negarse na actual conxuntura.

  3. Exercer as competencias exclusivas da CCAA para modificar os órganos reitores das caixas e a orientación da súa política crediticia con vistas a un fortalecemento dos lazos coas empresas: compromiso de canalizar os depósitos cara créditos concedidos en Galiza; reorientación da política de crédito para dar maior importancia aos dirixidos a empresas industriais; favorecer a participación directa no capital de empresas industriais, sexa por parte das caixas directamente ou a través dun aumento significativo da participación da caixas nos diferentes instrumentos e fundos de participación empresarial que se artellen polo IDG

  4. Promover a creación do Grupo Lácteo Galego e dunha Empresa Pública de Enerxía de Galiza que participe na explotación e rendementos da enerxía eólica.
Para o BNG a crise actual reclama respostas decididas que, ao tempo que solventan as urxencias do curto prazo – a atención ás persoas desempregadas, a reactivación económica, o financiamento das actividades produtivas – senten as bases dun cambio estrutural, dun novo modelo de desenvolvemento e organización da economía.

Somos conscientes da insuficiencia do autogoberno para emprender outras políticas que haberá que poñer en marcha para nos recuperar da crise e emprender un futuro de progreso e benestar sustentábel e por iso pensamos que temos que seguir a traballar por un novo estatuto, máis no entanto temos que esgotar as competencias até o límite con normas e iniciativas ambiciosas para solucionar os problemas da cidadanía. Se as frean con recursos diante do Tribunal Constitucional e as políticas responden a necesidades sentidas ao menos faremos pedagoxía é evidenciar a insuficiencia do actual estatuto para as necesidades de Galiza.

Nenhum comentário: