sábado, 27 de junho de 2009

Pescanova não é um modelo, é um desastre

.
(Colo a seguir, para abrir boca, os primeiros parágrafos dum interessante artigo de Manoel Santos. Moi recomendável ler o texto completo em Vieiros).

A empresa transnacional Pescanova, de orixe galega, está acusada en medio mundo de sobreexplotar bancos pesqueiros, de contaminar as costas, de esnaquizar a biodiversidade mariña e de contratar en condicións laborais abusivas, até negando dereitos sindicais.


Dende Galiza para o mundo. A chantaxe

Pescanova acaba de inaugurar o día 21 de xuño en Mira (Portugal) unha planta de cría de rodaballos, unha fábrica de peixe para ser máis exactos, que pasa por ser a maior do mundo, como cada unha que crea o poderoso grupo. A devandita planta comezouse a construír cando, en 2007, o goberno galego entón compartido polo PSOE e o BNG, decidiu non permitir á empresa crear unha nova planta no cabo Touriñán, un espazo protexido da Rede Natura 2000. O plan sectorial de acuicultura que deixara aprobado o PP –en plena campaña electoral e logo retomado polo bipartito– creaba decenas de plantas de fabricación de rodaballo en espazos desta rede, a maioría na costa oceánica en estado completamente virxe. A reacción do Grupo pesqueiro que dende Vigo preside Manuel Fernández de Sousa foi inmediata: “Marchamos a Portugal”, que na Galiza sempre representa, neste contexto, o Terceiro Mundo de Europa, pois é a mesma ameaza que moitos empresarios do sector do metal regurxitan en plena folga dos traballadores polos seus dereitos.
.
Deslocalización no ventre do dragón capitalista

Como ben informa a organización ecoloxista galega Adega, para a planta de Mira o Estado portugués entregou a Pescanova –que se saiba– 45 millóns de euros en subvencións públicas directas –sen contar coas subvencións indirectas para melloras tecnolóxicas, infraestruturas de distribución, vantaxes fiscais…–, dos 140 millóns de euros do total do proxecto. Todo para criar, segundo a empresa, uns 200 postos de traballo –comezaron ofertando máis de mil–, aínda que en toda a costa galega pódese constatar que este tipo de plantas non adoitan empregar a máis de 50 persoas. Malia isto, facendo un rápido cálculo, resulta que cada emprego custou ás arcas públicas portuguesas nada menos que 225.000 euros, ou o que é o mesmo, Portugal pagará con cartos públicos o xornal completo dos traballadores e traballadoras de Pescanova –estimando 15.000 euros ao ano– durante 15 anos. Así calquera pon un negocio! Co cambio de goberno en Galicia, o PP volve ao poder e de novo, azuzados e envexosos pola inauguración portuguesa, á que ata acudiu o presidente José Sócrates, e que cubriron moitos diarios galegos a catro columnas en portada, ofreceu de novo a Pescanova violar o espazo virxe de Touriñán. Para que volvan á súa terra. Pescanova non o ve mal. Ao cabo, son dúas polo prezo dunha.
.
(continua em Vieiros)

Nenhum comentário: