Disque alguns governos europeus pretendem, agora, que o FMI aplique um imposto sobre as transações financeiras. Trata-se da ideia da Taxa Tobin, defendida por ATTAC e o altermundismo desde tempo há. Ainda sendo conscientes da dificuldade de que se chegue a levar a cabo, saudamos com optimismo este novo estado de opinião. Para contribuir a espalhar a ideia, reproduzimos o já histórico editorial de Le Monde Diplomatique de dezembro de 1997, onde Ignacio Ramonet avogava por este imposto (tradução ao galego obtida de Altermundo.org).
Desarmar os mercados financeiros
O tifón que experimentaron as bolsas de Asia ameazou logo o resto do mundo. A mundialización, cuxo principal motor é a optimización a escala planetaria do capital financeiro, está a poñer aos pobos en estado de inseguridade xeneralizada. Ignora e rebaixa ás nacións e os seus Estados en tanto que espazos idóneos para o exercicio da democracia e como garantes do ben común.
A mundialización financeira creou deste xeito o seu propio Estado. Un Estado supranacional, que dispón dos seus aparellos, das súas redes de influencia e dos seus propios medios de acción. Trátase da constelación formada polo Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Mundial, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) e a Organización Mundial do Comercio (OMC). Estas institucións falan cunha soa voz –amplificada pola práctica totalidade dos media– para exaltar as "virtudes do mercado".
Este Estado mundial é un poder sen sociedade, xa que este rol é exercido polos mercados financeiros e as empresas xigantes dos que son mandatarios. O resultado é que as sociedades realmente existentes son sociedades sen poder. E todo isto non deixa de agravarse.
Sucesora do GATT, a OMC mudou desde 1995 nunha institución dotada de poderes supranacionais e situada fóra de calquera control por parte das democracias parlamentarias.
Unha vez que se propón intervir, a OMC pode aclarar as lexislacións nacionais en materia de dereito laboral, de medio ambiente ou de saúde, "contrarias á liberdade de comercio" e pedir a súa derrogación. Por outra banda, dende maio de 1995, no seo da OCDE, á marxe da opinión pública dos diferentes países, negóciase o moi importante Acordo Multilateral de Investimentos (AMI), que deberá ser asinado en 1998, e que se orienta a dar plenos poderes aos investidores fronte aos gobernos.
O desarmamento do poder financeiro debe converterse nun obxectivo de interese cívico de primeira magnitude, se se quere evitar que o mundo do vindeiro século mude nunha xungla onde os predadores impoñan a súa lei.
Acotío uns 1.500 millardos de dólares realizan múltiples idas e vindas, especulando sobre as variacións nas cotizacións de divisas. Esta inestabilidade dos cambios é unha das causas da alza dos intereses reais, que frea o consumo doméstico e dos investimentos das empresas. Incrementa os déficits públicos e por outra banda incita aos fondos de pensións, que manexan centos de milleiros de millóns de dólares, a reclamar ás empresas dividendos cada vez máis elevados. As primeiras vítimas desta "caza" do beneficio son os asalariados, cuxos despedimentos masivos fan subir as cotizacións bolsistas dos seus ex empregadores. Poden as sociedades seguir a tolerar o intolerábel por moito tempo? É urxente arroxar algúns grans de area na engrenaxe destes movementos de capitais devastadores. De tres xeitos: supresión dos "paraísos fiscais"; aumento da fiscalidade nas rendas de capital; aplicación de taxas sobre as transaccións financeiras.
Os paraísos fiscais son zonas nas que reina o segredo bancario, que non serve máis que para camuflar malversacións e outras actividades mafiosas. Milleiros de millóns de dólares son subtraídos desta forma a toda fiscalidade en beneficio dos poderosos e dos establecementos financeiros. Porque todos os grandes bancos do planeta teñen sucursais nos paraísos fiscais e extraen gran proveito diso. Por que non decretar un boicot financeiro, por exemplo, a Xibraltar, ou ás Illas Caimán ou a Liechtenstein, mediante unha prohibición aos bancos que traballan co sector público de operar e abrir filiais neses lugares?
O imposto sobre as rendas financeiras é unha esixencia democrática mínima. Estes beneficios deberían ser sometidos exactamente á mesma fiscalidade á que se somete ás rendas do traballo. Isto non acontece en ningún lugar, en particular na Unión Europea. A liberdade total de circulación de capitais desestabiliza a democracia. Por iso, é importante pór en marcha mecanismos disuasorios. Un deles é a Taxa Tobin, que toma o seu nome do Premio Nobel norteamericano de economía, que a propuxo en 1972. Trátase de gravar, de xeito módico, todas as transaccións sobre os mercados de cambios para estabilizalos e ao tempo para procurar ingresos á comunidade internacional. Cun nivel do 0,1%, a taxa Tobin lograría anualmente uns 166 mil millóns de dólares, dúas veces máis que a suma anual necesaria para erradicar a pobreza extremada de aquí ao comezo do vindeiro século. Numerosos expertos sinalaron que a posta en práctica desta taxa non presentaría ningunha dificultade técnica. A súa aplicación arruinaría o credo liberal de cantos non cesan de evocar a ausencia de solucións de recambio ao sistema actual. Por que non crear –a escala planetaria– a Organización non Gobernamental Acción por unha Taxa Tobin de axuda os cidadáns (ATTAC)? En coordinación con sindicatos e asociacións con finalidades culturais, sociais ou ecolóxicas, podería funcionar como un formidábel grupo de presión cívica perante os gobernos para impulsarlles a reclamar finalmente a posta en marcha efectiva deste imposto mundial pola solidariedade.
Nenhum comentário:
Postar um comentário