Mostrando postagens com marcador XC Carreira. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador XC Carreira. Mostrar todas as postagens

quarta-feira, 26 de dezembro de 2012

Xoán Carlos Carreira - A agricultura invisível



Nom é a primeira vez que este blogue se fai eco dum artigo do professor XC Carreira. Como sempre, a sua voz crítica oferece-nos umha visom da realidade agrária galega diferente à percepçom maioritária. Este texto foi publicado originalmente em Praza e é de leitura imprescindível para qualquera que se interesse remotamente pola questom. 

A mediados dos anos setenta do pasado século, a palabra de orde nas mobilizacións agrarias era “nos non somos empresarios, fora a cota empresarial”, unha reivindicación da condición de labrego (ou campesiño). Hoxe, un terzo de século mais tarde, parece que xa non existen os labregos/as, preferimos chamalos/as (e chamarse a si mesmos/as): gandeiros/as, viticultores/as,...

Evitamos falar da pequena explotación labrega familiar e minifundista. Só temos en consideración ás explotacións profesionais porque aquela, centro dos ataques de quen a vía como exemplo do noso atraso, foi arrombada e pouco a pouco fíxose invisíbel. Mais aínda existe. A miña intención neste artigo é contribuír a facer visíbel esta outra agricultura, a das labregas e labregos resilientes, que semellan non existir aos ollos da maioría. Tento contribuír a demostrar a importancia tanto do seu papel social como da súa produción agraria desprezada pola a maioría dos/as economistas pero fundamental para alimentar á poboación galega. Non pretendo facelo en contraposición ás explotacións profesionais (os/as gandeiros/as sobre todo) nin esquezo a súa importancia, pero estas si son visíbeis… e seria necesario outro artigo para analizar a situación na que se atopan e un modelo produtivo con evidentes síntomas de esgotamento.

Como indica o profesor Oliveira Baptista, a pequena explotación familiar é moi versátil. As persoas que traballan nelas fano por motivos moi diversos. Para unhas pode ser fundamental o rendemento económico que poidan obter da explotación mais para outras pode selo o feito de que lle proporcionan vivenda e alimento. Pero ademais hai moitas outras razóns para estar interesado/a neste tipo de explotación agraria: identidade persoal, posibilidade de vivir nun medio que se coñece e/ou que gusta, expectativa de herdanza, etc.

En Galiza a produción agraria depende, en grande medida, destas pequenas explotacións familiares, de labregos/as que son considerados/as marxinais ou ben que non son “profesionais” nin aparecen nas estatísticas como activos/as agrarios. Unha análise moi sinxela indícanos que a practica totalidade das persoas que se dedican á agricultura viven en parroquias con menos de 2000 habitantes (con núcleos de menos de 300). Pero nestas mesmas parroquias viven preto do sesenta por cento dos/as xubilados/as e dos/as traballadores da construción de Galiza, case a metade dos/as da industria e das persoas que se dedican á pesca e a terceira parte dos/as empregados/as do sector servizos. Como consecuencia, nos núcleos rurais, as persoas que oficialmente traballan na agricultura representan pouco máis da quinta parte.

Podiamos dicir pois que a inmensa maioría das persoas que traballan no sector agrario viven nos núcleos rurais , pero que a maioría das persoas que viven nos núcleos rurais non se dedican “oficialmente” á actividade agraria. Sen embargo non son alleas á mesma. Desde o noso punto de vista, aínda que estea localizada no medio rural, a agricultura practicada por estas persoas, se a entendemos en sentido amplo, ten unhas características especificas que nos permiten cualificala como o que hoxe en dia se denomina agricultura periurbana (e/ou urbana), unha agricultura aínda descoñecida tanto a nivel local como global, a pesares de que é un sector en rápido crecemento que, segundo a FAO, proporciona alimentos aproximadamente á cuarta parte da poboación urbana mundial (700-800 millóns de persoas). Da súa importancia en Galiza pode dar idea o feito de que, segundo as nosas estimacións, os/as labregos/as a tempo parcial, achegan aproximadamente a metade da unidades de traballo agrario (UTAs) a pesares de que semellan non existir nin para as políticas nin para a opinión pública.

Unha parte importante da produción das labregas e labregos das pequenas explotacións, uns marxinais outras invisíbeis, ten como destino o consumo propio (da familia e parentes) ou a venta en mercados locais. Este tipo de produción en grande medida non se incorpora á estrutura comercial hoxe dominante. Por esta razón, desde o punto de vista económico, ou ben simplemente non se valora ou ben non se fai axeitadamente. Sen embargo outra sinxela análise das características e destino deste tipo de produción, permítenos afirmar que é unha produción diversificada que se destina a alimentar aos galegos/as, en contraposición coas características da produción das medianas e grandes explotacións profesionais, nas que habitualmente centramos a nosa atención, que se pode definir como de monocultivo gandeiro ( fundamentalmente leite) con destino á exportación.

O balance agroalimentario de Galiza é negativo. Este dato incuestionábel pódese complementar, segundo as nosas estimacións, con outro: a agricultura profesional cobre pouco mais da terceira parte do noso consumo de produtos agrícolas. Sen embargo, si comparamos os datos da produción das arredor de 20.000 Has de hortas familiares (para consumo propio e local) e o consumo medio por habitante, podemos concluír que esta produción ( que non contribúe ao PIB ) está satisfacendo as necesidades de centos de milleiros de persoas. Por exemplo a produción de hortalizas para autoconsumo en Galiza esta entre 100-135 mil toneladas (Xunta de Galiza) e o consumo per cápita entre 50-70 Kg (Ministerio Agricultura). Así pois esa produción agraria non contabilizada que non chega as grandes areas comerciais nin a maioría das tendas podería estar alimentando como mínimo a un millón e medio de persoas ( mesmo considero que as estimacións son conservadoras). É dicir, non só á xente que vive no medio rural senón tamén a unha parte substancial da poboación vilega e urbana, evitando, deste xeito, que a situación da Galiza deste o punto de vista da soberanía e/ou a suficiencia alimentaria chegue a ser catastrófica.

Se alguén se está preguntando como é posible isto, teño que lembrarlle que, aínda que a relación entre o tamaño das explotacións agrarias e a produtividade é un vello  debate, hoxe en dia a maioría dos datos evidencian que as explotacións máis pequenas producen moito máis por unidade de área que as grandes explotacións. A maior eficiencia da produción agrícola a pequena escala pódese considerar xeral en todo o mundo e as nosas estimacións indican queen Galiza tamén se confirma a existencia dunha relación inversa entre tamaño da explotación e rendemento económico por Ha.

Algúns autores apuntan que, en todo caso, as grandes explotacións son mais eficientes por unidade de traballo (para eles o mais importante) aínda que non o sexan por unidade de superficie. Pola nosa banda non atopamos unha correlación significativamente positiva entre tamaño da explotación e rendemento económico por unidade de traballo para o caso galego, pero isto é o de menos, porque, desde o noso punto de vista o obxectivo a conseguir non debería ser tanto a maximización do beneficio individual das explotacións concentrando o traballo a renda nunhas poucas delas, senón mais ben o maior numero de postos de traballo (e de explotacións) posíbel cun nivel de renda digno.

Seguramente que hai moitas persoas ás que lles pode sorprender que falemos da eficiencia económica das pequenas explotacións familiares que sempre foron consideradas atrasadas. Sen embargo compre lembrar que xa son varias as investigacións que cuestionan este mito demostrando que historicamente a agricultura galega non se pode cualificar como atrasada, nin moito menos. Como se ten descrito, tradicionalmente o noso sistema minifundista pretendía, desde o punto de vista produtivo, optimizar os rendementos dos cultivos tendo en conta a variabilidade do ecosistema, establecendo estratexias para usar os insumos necesarios na cantidade requirida, no sitio adecuado e no momento oportuno. Curiosamente esta é a definición, mais ou menos textual,  para a chamada “agricultura de precisión”, a mais moderna das agriculturas convencionais, que, na súa forma actual, apareceu en Estados Unidos nos anos oitenta.  Xa que logo. Non era o minifundio en Galiza unha agricultura de precisión e afortunadamente aínda o é en certa medida?

Mais a importancia das pequenas explotacións labregas familiares non se pode reducir á economía xa que cumpren outras funcións de grande transcendencia para a sociedade. As pequenas explotacións labregas familiares acollen como mínimo oito de cada dez persoas que traballan na agricultura e achegan a metade das unidades de traballo. Podemos estimar que xestionan entre un 65% e 80% da SAU e mesmo entre un 15 % e un 20% da superficie de monte, incluída a forestal (as explotacións agrarias profesionais por exemplo a penas xestionan o 2% do monte). As pequenas explotacións labregas familiares son pois indispensábeis para ocupar e xestionar o territorio con todo o que isto supón. Pero ademais prestan importantes servizos ambientais e sociais (conservación da biodiversidade, do patrimonio material e inmaterial, etc.). En resumidas contas teñen enormes vantaxes comparativas para encaixar nos novos paradigmas mundiais que conciben a agricultura do século XXI como unha actividade que non só debe producir alimentos, fibras e materia prima para a industria, senón tamén servizos á sociedade.

Concluíndo pois, non só hai gandeiros/as en Galiza. A pesares de todo tamén hai labregos/as que resistiron baixos diversas formas. Esta agricultura invisíbel e desprezada non só segue a ser unha dos nosos sinais de identidade senón que, hoxe en dia,  ten unha grande importancia económica e social pero, sobre todo, podería ter mais no futuro desde a perspectiva dos novos paradigmas agrarios que se abren paso a nivel mundial... si lle prestaramos un pouco de atención.

quinta-feira, 22 de janeiro de 2009

Xoan Carlos Carreira - O minifundio : ¿residuo do pasado ou proxecto de futuro?

.
(Artigo publicado originalmente em Vieiros).

Xoán Carlos Carreira Pérez (Lugo, 1956). É catedrático da Escola Politécnica Superior de Lugo, da que foi director. Actualmente é vicerreitor de Infraestruturas da Universidade de Santiago de Compostela. Vinculado ao sindicalismo agrario nacionalista dende mediados dos 70. Foi membro da dirección do Sindicato Labrego Galego a comezos dos anos 80.

O minifundio está considerado en Galiza case como unha maldición. Todo o mundo quer acabar con el. Desde o punto de vista político as esquerdas e as dereitas, o nacionalismo e o españolismo. Desde o punto de vista económico progresistas e conservadores. Ate se converteu en exemplo de males a combater. Así falamos do minifundio mental, do minifundio cultural, do minifundio político, ...

Mais ¿por qué é malo o minifundio? Se facemos esta pregunta é difícil que sexa contestada mais aló de lugares comúns. Como todo dogma, ninguén necesita demostrar nada. Todo o mundo sabe que é malo e punto.

Aínda así, cómpre lembrar que o futuro das pequenas explotacións foi obxecto dun interesante debate político e científico. Hai case vintecinco anos que Miren Etxezarreta analizou as perspectivas da agricultura familiar, describindo con claridade as teorías da Chayannov, Vergopoulos, Cavailhes, Servolin, etc. Daquela intereseime moito pola polémica entre estes dous últimos. Cavailhes sostiña que as pequenas explotacións agrarias familiares estaban destinadas a desaparecer porque son ineficaces. Servolin, pola contra, opinaba que a pequena agricultura familiar resistiría entre outras cousas, porque é o réxime máis favorable para o conxunto do sistema.

Recentemente, tentando atopar novas referencias comprobei que o debate, máis amplío e rico do que eu coñecía, segue vivo na actualidade dende distintos ámbitos científicos, desde a agroecoloxía, desde a vía campesiña, etc. Volvín lembrar as teorías de Eric Wolf coñecín o narodnismo ruso, e as posicións, entre outros, de Sevilla Guzman, González de Molina Altieri e Teodor Shanin que chama a atención sobre o absurdo de definir con precisión ao campesiñado, un grupo social que nunca deixou de existir. De feito este debate mantense, como din algún deste autores, entre outras razóns, pola constatación de que o campesiñado non ten desaparecido a pesar das teorías proféticas dos clásicos do pensamento social agrario e dos sectores académicos máis liberais.


CONTINUAR LENDO...


Teñen pasado moitas cousas nestes últimos vintecinco anos. Á brutal reconversión agraria en Galiza veuse engadir, a nivel mundial, a crise do concepto mesmo de agricultura (e tamén da gandería e forestal ). Non hai moito comezouse a falar da multifuncionalidade agraria (no ano 1995 coa axenda 21 e no Cumio de Luxemburgo en 1997) que se definiu como “a característica dunha actividade económica (agricultura) que produce resultados e efectos múltiples e interconectados”. Estamos pois en plena redifinición das interaccións entre o rural e o urbano, se cadra, un novo enfoque do que en Galiza coñecemos de vello como o conflicto vila-aldea. En resumidas contas, como lle escoitei dicir ao profesor Oliveira Baptista estase a pensar se a agricultura é tan só unha actividade para producir alimentos e/ou materias primas ou ben se, no século XXI e no noso contorno económico, tamén é (e debe selo máis no futuro) unha actividade que presta servizos á sociedade que, á súa vez, debe valorar.

Agricultura multifuncional

Seguindo a Eduardo Ramos, podemos dicir que non existe problema para poñerlles prezo a algunhas das achegas da agricultura multifuncional, porque son perfectamente susceptíbeis de ser valoradas polo mercado. Este é o caso da producción de alimentos e fibras, turismo rural, transformación dos productos, etc. Porén outras achegas da agricultura dificilmente son valoradas polo mercado (non se pode ou non se quere) e polo tanto non teñen prezo. Este é caso da conservación da paisaxe, solos e biodiversidade, do xeito de vida rural e das tradicións, da seguridade alimentar e a saúde, etc.
Neste novo concepto da agricultura do século XXI ¿é o minifundio un problema ou é un sistema agrario de precisión que debemos poñer en valor?
.
O minifundio ten dúas características. Por un lado a pequena dimensión das explotacións e por outra a multiparcelación. O segundo aspecto é resultado, entre outras cousas, da adaptación á topografía e a fertilidade dos solos. Neste sentido é unha agricultura de precisión (a mais moderna ) pero feita, sen a axuda do satélite, co traballo, a experiencia e a sabedoría de moitas xeracións de labregos e labregas. Coñecemos tan pouco o noso sistema agrario que o mellor estudio sobre o mesmo tivo que facelo un francés (Abel Bouhier), tardouse moitos anos en traducir e mesmo hoxe é coñecido só en círculos reducidos.
.
En todo caso, tentarei analizar de xeito moi sintético como cumpren os nosos distintos sistemas productivos agrarios coas diferentes achegas que se lle piden á agricultura do século XXI. Para elo vou facer uso dos datos dun estudio que estou a realizar agora mesmo e para o que dividín as explotacións agrarias galegas en tres sectores: o minifundista, o “moderno e profesionalizado” e un sector intermedio.
.
O minifundio é o que define a nosa paisaxe e mesmo as nosas sinais de identidade como país. Ninguén dubidará do enorme valor paisaxístico dos socalcos da Ribeira Sacra, dos valados de pedra coas súas diferentes tipoloxías, das sebes, dos camiños e pasais, dos sistemas de pozas e canles de rega.
.
O minifundio e a biodiversidade
.
No mantemento da biodiversidade sen dubida o minifundio leva vantaxe. Neste sentido o valor das sebes e valados é indiscutible. Polo demais a diversificación e adaptación da produción minifundista ao terreo é moi superior á da agricultura “moderna”. No sector profesionalizado predomina o monocultivo. Mais do 85 % das explotacións deste sector dedícanse só á gandería (vacas de leite e granívoros). Pola contra no sector minifundista predomina a diversificación productiva. Preto do 25% son explotacións que practican o policultivo e cultivos agrícolas diversos, outro 25 % practica gandería mixta e agricultura e outro 25 % dedicase á gandería de carne (vacas, ovellas, ..).
.
O minifundio xoga un papel importante na conservación medio ambiental e dos solos. Hai uns días lin nun xornal como o director do CIAM de Mabegondo explicaba que grazas aos valados, a contaminación dos ríos por xurros non era maior. Despois da ultima vaga de incendios tentouse parar a erosión construíndo barreiras, é dicir reproducindo o sistema de valados, cómaros e gabias que o minifundio xerou ao longo de séculos.
.
En canto á seguridade alimentar hai que ter en conta que o menor uso de pesticidas e abonos químicos xera alimentos de maior calidade. Algún estudio aínda inédito vén confirmar que a diferenza desde o punto de vista medio ambiental entre a agricultura ecolóxica e a agricultura, chamémoslle tradicional e minifundista, é moi pouca.
.
A sabedoría popular e a conservación das tradicións residen no sector minifundista. Alí seguen a practicar agricultura os labregos e labregas máis vellos coa súa sabedoría secular. Nela consérvanse, a piques de perderse, especies autóctonas que poden ter un enorme valor no futuro (froitas, productos da hora, cereais, etc ).
.
Do dito ate aquí, desde o meu punto de vista, podemos deducir que o minifundio é máis eficaz no cumprimento dalgún dos obxectivos que se lle asignan á agricultura neste século. Mais quédanos por analizar o que moitas persoas consideran fundamental: a eficiencia económica e produtiva. Neste sentido poucas dubidan de que o minifundio non chega a cumprir os mínimos esixíbeis. ¿Mais realmente é así?
.
O tamaño non inflúe
.
A produtividade vén determinada en primeira instancia pola fertilidade natural da terra e polo clima. Este dous aspectos son independentes do tamaño das explotacións. Tamén ben determinado polo uso dos insumos: abonos, fistosanitarios, etc. Se a dose por unidade de superficie é a mesma, o tamaño da explotación tampouco inflúe. En todo caso é o prezo o que pode ser menos competitivo mais ese é un tema de organización social que hoxe ten solución (cooperativas de consumo, por exemplo).
.
O que pode facer menos produtivo ao minifundio son pois os aspectos relacionados coa eficiencia da mao de obra. Para isto é fundamental o emprego de maquinaria. Se cada pequeno/a propietario/a ten que comprar un tractor que despois non traballa máis que cen horas ao ano, o seu custe será insoportable. Mais eso, hoxe, tamén ten solución. Pódese alugar a maquinaria cando se necesite e externalizar algúns traballos. Isto non sae moito máis caro. Por certo que esa foi a solución autoxerada polos labregos nos primeiros tempos da mecanización e foron políticas alleas baseadas no interese de vender maquinaria as que impediron que se xeralizara.
.
Por outra banda a división das parcelas pode ser un problema, mais todo depende de como se enfoque. A división en parcelas mesmo é unha das técnicas máis modernas da produción gandeira. O pastoreo rotacional, o método máis científico da práctica do pastoreo, baséase na división en parcelas (son necesarias entre 10 e 20 parcelas por explotación). É certo que se inviste moito tempo no desprazamento dunhas parcelas a outras máis ¿como pode ser este un problema para unha sociedade urbana onde é habitual vivir en Vigo e traballar en Santiago ou vivir en Lugo e traballar na Fonsagrada? Na nosa moderna sociedade milleiros de persoas invisten cada día unha ou dúas horas para desprazarse ao seu posto de traballo. Polo tanto ¿Cómo podemos considerar un problema que os lugares de traballo da explotación minifundista estean a un ou dous quilómetros de distancia?
.
Polo demais, dado o número de parcelas abandonadas na actualidade, moitos destes problemas da multiparcelación, hoxe poderían quedar solucionados sen alterar a estrutura minifundista, coa cesión ou aluguer das terras dos veciños/as (exemplos hainos).
.
Podiamos concluír que o problema de produtividade redúcese só ao feito de que, cos medios actuais, unha persoa pode traballar máis terra da que realmente dispón.
.
Esto é verdade mais, de novo, só parcialmente. A valoración da produtividade faise en función da Producción Final Agraria pero esto é desde o meu punto de vista enganoso. Na PFA só temos en conta os ingresos e non se consideran os gastos. Aínda así, a rendibilidade está na diferenza entre uns e outros. Esta é o que se chama Marxe Bruta (que se transforma en Renda Agraria engadindo no balance as axudas e amortizacións).
.
Analizando a Renda Agraria vemos que as explotacións máis grandes non son necesariamente máis eficientes economicamente. Nos últimos vinte anos a Superficie Agraria Útil media das explotacións en Galiza multiplicouse por tres, pero a renda obtida por Ha mantívose practicamente constante. Ademais nesta renda haberá que ter en conta o autoconsumo a prezos de consumidor/a (algo que nunca se fai). Facendo esta análise vemos que a marxe bruta por Ha no sector minifundista é similar a do sector profesionalizado (oscila entre 80% e o 120% segundo a fonte de información que se utilice).
.
Unidade de traballo
.
A marxe bruta por Unidade de Traballo (UTA) porén é aproximadamente 1,6 veces menor. Non considero que esta diferenza sexa substancial se temos en conta que no sector minifundista tres de cada catro persoas teñen outros ingresos á marxe do sector agrario mentres que no sector profesionalizado esto só ocorre nunha de cada tres persoas. Ademais as persoas de mais de 55 anos son case o dobre en termos porcentuais. En todo caso, pódese constatar que a renda por unidade de traballo só aumentou en 2,5 veces nos últimos vinte anos cando a poboación activa se dividiu por 4.
.
Por outra banda, as canles de comercialización e a valoración do productos do sector minifundista non son as axeitadas. A diferenza de prezos entre produtor e consumidor chega a ser o triple. Se esta marxe se reducira á metade, a renda obtida por unidade de traballo no sector minifundista situaríase practicamente ao mesmo nivel que a do sector profesionalizado.
.
En todo caso, existe un límite para o tamaño das explotacións. A partir de determinado numero de Has ou de determinado numero de vacas, é necesario incorporar outra persoa ao traballo na explotación. Este tamaño varia co tipo de producción e o sistema produtivo, mais superalo non engade maior productividade por unidade de traballo. Segundo a Rede Contable Agraria, nunha explotación hortícola acadase a mesma renda con 1 Ha que nunha explotación de leite con 4 - 5 Has.
.
Para explicar o que quero dicir, vou utilizar os datos do interesante estudio de F. Barbeito e Claudio L.Garrido sobre os resultados do programa de xestión de explotacións leiteiras. As explotacións galegas de leite estudiadas son as mais pequenas da UE (o tamaño do rabaño é un tercio da media europea). Este menor tamaño, segundo os autores leva a unha productividade por hora de traballo menor, se a medimos en valor absoluto (120 Kg/hora traballo fronte á 152 Kg/hora traballo de media na UE). Mais se medimos a renda familiar, a que obteñen as explotacións galegas (medida en euros/Kg producido) duplica a media da UE. Así mesmo a retribución obtida por hora de traballo nas explotacións galegas é tamén 1,25 veces superior. Esto leva aos autores a concluír que os resultados das pequenas explotacións leiteiras galegas poden considerarse, en termos relativos, excelentes.
.
Resumindo, a agricultura minifundista é moi eficiente desde o punto de vista productivo e económico (sen que isto queira dicir que non o poida ser máis). Por iso, desde o meu punto de vista, se tivesemos en conta os beneficios sociais e os custes mediambientais de cada sistema produtivo, o balance seria claramente favorable ao sector minifundista. Só queda buscar o xeito no que a sociedade e os poderes públicos remuneren aquelas achegas que o mercado non valora.
.
Un medio rural vivo
.
Pero aínda nos queda un último argumento a favor do minifundio: a poboación rural. En Galiza, na actualidade, calcúlase que existen pouco máis de 100.000 Unidades de Traballo Agrario e o numero de persoas que practican a agricultura son arredor de 200.000 (dúas terceiras partes fano a tempo parcial). Calquera que dea unha volta polo país pode comprobar que xa son moi poucas. O medio rural necesita máis persoas traballando nel para que estea vivo.
.
Se temos en conta que só existen arredor de 850.000 Has de SAU, e facemos unha sinxela división, veremos que, para manter ou aumentar a poboación rural, a superficie agraria útil por cada unidade de traballo agrario debe andar entre 8 e 4 Has. Un tamaño propio do minifundio. Se elevaramos esta base territorial por exemplo ate o valor medio que ten no sector profesionalizado, só caberían arredor de 50.000 persoas traballando no agro, insuficiente para manter un medio rural vivo. Dito doutro xeito (se queredes provocativo) manter un medio rural vivo implica apostar polo minifundio.
.
Así pois, despois do fracaso da política agraria seguida nos últimos vintecinco anos, é preciso pararse a pensar se aquelo que nos parecía unha rémora do pasado non é, agora, no século XXI, unha grande vantaxe comparativa. Segundo teño entendido, hai anos, alguén planeou tirar a muralla de Lugo para modernizar a cidade. Só razóns “técnicas” o impediron, afortunadamente. Hoxe é o gran valor, mesmo económico, da cidade.
.
¿Xa é o tempo de pensar nunha política que poña en valor o minifundio e nos sitúe á vangarda da agricultura europea no cumprimento das funcións que a sociedade lle pide neste comezo do século XXI? ¿Xa chegou o tempo de pedir á administración e á sociedade, que remunere as achegas sociais que fai a agricultura minifundista e que o mercado non quere ou non pode valorar? ¿E tempo de pensar nunha nova política de comercialización baseada nos mercados locais que reduza marxes entre consumidores/as e productores/as?.